Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO INVESTIU ALGO MÁIS DE 91.000 EUROS NAS TAREFAS DE MANTEMENTO EN VARIOS COLEXIOS PROXECTADAS PARA OS MESES DE VERÁN
A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, desprazáronse ao CEIP Ponte de Xuvia para ver os traballos de pintado que se realizaron no interior do centro
Narón, 30 de agosto de 2018. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro e a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, desprazáronse esta mañá ao CEIP Ponte de Xuvia para comprobar o estado dos traballos de mantemento realizados no centro este verán. O director do colexio, Carlos Pena, estivo tamén presente no percorrido realizado polo interior das instalacións, donde se procedeu ao pintado de varias aulas e da zona das escaleiras, cun investimento municipal de 25.890 euros. A alcaldesa da cidade indicou que a partida global para proceder ás tarefas que se proxectaron de mantemento de centros este verán supera os 91.000 euros. “Trátase dun investimento moi importante e co que tratamos de ir atendendo as prioridades dos colexios públicos de Narón en materia de mantemento, se ben lamentablemente nalgúns casos vémonos obrigados a asumir desde o Concello actuacións que non responden propiamente a mantementos senón obras que debe asumir a Consellería de Educación e que lamentablemente, a pesar das comunicacións realizadas, non se atenden”, denunciou Ferreiro. O programa de actuacións levado a cabo polo Concello incluíu ademais no CEIP Virxe do Mar e no CEIP Piñeiros obras de pintado de aulas, que supuxeron un desembolso de 13.370 euros, e a reforma dos baños do primeiro dos centros, que custou 25.389 euros. “Precisamente esta obra dos baños entendemos que non é un mantemento das instalacións, senón unha actuación integral e que debido á súa urxencia polo estado no que se atopaban, decidimos asumir desde as arcas municipais”, explicou a alcaldesa. Na Escola Infantil Municipal da Solaina tamén se está ultimando o pintado de aulas, unha obra que custará ás arcas locais 14.242 euros e á que se suma outra actuación pendente de rematar na antiga escola de Piñeiros, cun pintado e reposición de portas valorados en 12.230 euros. “Esta última actuación decidimos deixala para o final, debido a que se trata do local que actualmente ocupa a Anpa e considerando que é preciso priorizar o traballo no interior das aulas, de cara ao inminente inicio do curso escolar”, apuntou Ferreiro. “Nos dous últimos meses o Concello destinou máis de 91.000 euros ao mantemento de centros educativos da cidade, polo que instamos novamente á Xunta a que asuma as súas responsabilidades na materia e atenda as peticións que se lle realizan desde os centros para acometer obras que son das sías competencias”, subliñou a alcaldesa. “Á espera de que asuman esas competencias, desde o equipo de goberno continuaremos traballando no mantemento dos centros educativos da nosa cidade, vendo as súas necesidades, as prioridades e atendéndoas á maior brevidade posible”, asegurou.

<<< Agosto 2022 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
www.naron.es