Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O AUDITORIO MUNICIPAL ACOLLERÁ UNHA NOVA EDICIÓN DE "MULLERES EN VERMELLO"
A cita, coa que se aposta por sensibilizar á poboación da importancia de adquirir hábitos de vida saudables e da prevención cardiovascular, terá lugar o 28 de setembro no Auditorio municipal
Narón, 25 de setembro de 2018. O Auditorio municipal de Narón acollerá a cuarta edición do programa Mulleres en vermello, unha convocatoria organizada pola Asociación de Amigos do Corazón (Amicor) e na que colabora o Concello de Narón, con motivo do Día Mundial do Corazón, que se conmemora cada 29 de setembro. Baixo o lema: “O meu corazón, o teu corazón” presentaron esta mañá o acto a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro; a concelleira de Acción Social, Catalina García; o presidente de Amicor, Conrado Vilela; o médico e representante desta entidade, Carlos Piñeiro, e a residente de Familia Comunitaria da Área Sanitaria Patricia Torres. A cita, tal e como recordou a alcaldesa, dará comezo ás 19.00 horas. Durante aproximadamente dúas horas os asistentes a este evento terán a oportunidade de coñecer de primeira man a experiencia profesional e persoal de varias mulleres. Así o indicou Piñeiro, que avanzou que no Foro social Mulleres en Vermello estarán presentes a alcaldesa, Marián Ferreiro; a médico Ana García; unha matrona, unha bióloga, a directora e unha profesora do colexio Jorge Juan e unha paciente do centro de saúde de Narón. As mulleres que participan neste foro respostarán a unha serie de preguntas que se lles formularán con motivo do Día Mundial do Corazón. Sobre o apartado de saúde, o médico Carlos Piñeiro asegurou que na actualidade existe “unha demora na asistencia sanitaria de media hora na detección do infarto de miocardio en mulleres con respecto aos homes”, e reivindicou a necesidade de “incidir na importancia dun sistema de detección dun nivel óptimo ou, cando menos, igual de esixente que no caso dos homes”. Durante este evento actuará alumnado do Conservatorio de Música Xan Viaño de Ferrol, que tocará pezas de arpa, violín e piano, e ao final, sobre as 20.30 horas, está previsto un concerto da cantante galega Mercedes Peón, tal e como indicaron os organizadores. As persoas que desexen asistir teñen que entregar ese mesmo día na entrada do Auditorio, como mínimo, un quilo de alimentos non perecedoiros, de roupa ou de calzado, que se doarán ao Centro de Recursos Solidarios de Narón, tal e como explicou a concelleira de Acción Social, Catalina García. A alcaldesa e a edil de Acción Social agradeceron o traballo realizado desde Amicor para organizar este evento, así como a colaboración do Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño e de Mercedes Peón. Finalmente, convidaron ás veciñas e veciños de Narón e doutros concellos a participar neste acto, cun marcado carácter solidario.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal