Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PADROADO DA CULTURA ABRE O PRAZO PARA PRESENTAR OBRAS AO "X CONCURSO DE PINTURA CIDADE DE NARÓN"
Os traballos poderán presentarse ata o vindeiro 9 de novembro e o premio fallarase o día 23 de novembro, coincidindo coa festividade do Día de Narón
Narón, 22 de outubro de 2018. As persoas interesadas en participar na décima edición do Concurso de Pintura Cidade de Narón poden presentar as súas obras desde hoxe ata o vindeiro 9 de novembro. Así o anunciaron a alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Cultura, María del Carmen Espada, que recordaron que o horario para poder entregalas é de 9.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 no Pazo da Cultura (rúa Holanda s/n). O certame repartirá este ano un total de 2.850 euros en premios e tanto as bases como a ficha de inscrición poden recollerse no Punto de Información do Concello –na entrada principal do Consistorio- e no Pazo da Cultura. O certame consta de dúas categorías, una infantil e xuvenil (ata 15 anos), na que se entregará un detalle a todos aqueles que participen, e outra de adultos, na que se repartirán premios en metálico de 1.500 euros para o mellor traballo; 750 para o segundo premio e 400 para o terceiro, así como 200 para o Premio Especial Francisco Criado (en recoñecemento a un pintor xa falecido que foi veciño de San Xiao), sendo este último incompatible co resto dos premios deste certame. As obras que se presenten ao Concurso de Pintura Cidade de Narón deben ser orixinais e unha soa por autor/a, sendo tanto a temática como a técnica e o estilo libres. A maiores, tal e como se especifica nas bases, presentaranse sen sinatura e cun sobre pechado no que deben incluírse unha serie de datos (especificados nas bases). Un xurado encargarase de seleccionar as obras presentadas, que pasarán á final –un máximo de corenta traballos, podendo ser maior esta cifra no caso de que así o considere o xurado-. As obras finalistas exporanse do 12 de novembro ao 23 do mesmo mes, no Pazo, donde se poderán ver de 9.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas de luns a venres e os sábados de 10.00 a 14.00. Coincidindo coa celebración dos actos do Día de Narón, o 23 de novembro, festivo local, procederase á entrega dos premios deste certame. As obras que obteñan o primeiro, segundo e terceiro premio pasarán a ser propiedade do Padroado da Cultura de Narón e a persoa que gañe esta edición do concurso non poderá presentarse ás dúas vindeiras e terá dereito a unha exposición de quince días da súa obra no Pazo da Cultura. O traballo gañador será a base do cartel da undécima edición do Concurso de Fotografía Cidade de Narón. A concelleira de Cultura destacou que a maiores de recoñecer a obra de pintores e pintoras cunha traxectoria consolidada este certame contribúe a “estimular o gusto polas artes, neste caso a pintura, dos nenos e nenas”. “Cada ano preséntanse preto dun cento de obras de artistas locais e tamén procedentes doutros concellos de Galicia e doutras Comunidades, o que contribúe a consolidar ano tras ano este concurso na nosa cidade”, asegurou Ferreiro, que animou a tódalas persoas interesadas a presentar os seus traballos para poder optar aos premios que se repartirán.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal