Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO APROBA O PLAN NORMATIVO 2019 PARA DEFINIR CINCO NORMAS XURÍDICAS
A cidadanía terá a oportunidade de participar no proceso, unha vez se abran os prazos oportunos, a través da plataforma Narón Participa
Narón, 1 de novembro de 2018. O Concello aprobou o Plan Normativo correspondente a 2019 e que permitirá, por segundo ano consecutivo, que as veciñas e veciños de Narón participen na planificación, elaboración e evaluación da normativa municipal. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, explicou que “no exercicio de 2019 está previsto modificar o regulamento de Participación Cidadá e o de selección de persoal funcionario interino e laboral temporal do Concello, así como establecer unha nova ordenanza que regule o uso de infraestruturas para servizos de banda ancha e adaptar a regulamentación xurídica do Padroado de Deportes”. “Ao igual que fixemos este ano cun total de cinco normas xurídicas relativas ao Medio Ambiente, Servizo Sociocomunitario e Urbanismo, queremos que as nosas veciñas e veciños teñan de novo a posibilidade de realizar as súas aportacións para as citadas normativas de cara ao vindeiro ano”, apuntou Ferreiro, que animou á cidadanía “a participar nas diferentes fases establecidas neste procedemento –consulta previa, audiencia e alegacións- para que os técnicos en cada materia valoren as súas propostas e tratar de establecer, entre todas e todos, unhas ordenanzas e regulamentos acordes ás necesidades deste concello”. No referente á modificación do Regulamento de Participación Cidadá, o obxectivo é adaptalo á actual normativa, “xa que o documento co que estamos traballando, que se aprobou no ano 2009, precisa dunha serie de cambios que permitirán habilitar unha maior participación da cidadanía de Narón na xestión pública deste concello”, apuntou a alcaldesa. A maiores, avanzou Ferreiro, modificarase o actual Regulamento de selección de persoal funcionario interino e laboral temporal do Concello, que se aprobou no ano 2011 e do que o vindeiro ano se pretende mellorar a operatividade. “Queremos que o proceso de chamamentos sexa máis eficaz e evitar, como pasou en ocasións, custos por seleccións fallidas, o que repercutirá directamente nas melloras dos servizos que desde esta administración se prestan á cidadanía”. Tamén se procederá a adaptar os estatutos do Padroado de Deportes, que actualmente quedaron obsoletos nalgúns apartados, para deste xeito reforzar o seu carácter consultivo no eido do deporte local. Na área de Novas Tecnoloxías e Comunicación o Plan Normativo de 2019 contempla a elaboración dunha ordenanza específica para regular as condicións de uso das infraestruturas do Concello na zona rural, para que cumpran tódalas garantías esixibles. “O Concello de Narón foi pioneiro na comarca na aprobación dun Plan Normativo, o pasado ano, e valoramos os resultados, xa que varias veciñas e veciños realizaron as súas aportacións e implicáronse activamente neste proceso a través do Portal de Transparencia de Narón”, recordou a alcaldesa. Con cargo ao Plan Normativo de 2018 modificouse a Ordenanza Municipal reguladora das actividades nos montes e espazos forestais; adaptouse á actual normativa a relativa á tenencia, defensa e protección dos animais de compañía e potencialmente perigosos; elaborouse unha nova ordenanza para regular a publicidade no Concello e aprobouse un novo regulamento de uso da Biblioteca municipal e outro da Ludoteca Municipal. No momento no que se abra cada unha das fases do proceso para realizar os trámites informarase debidamente para que a veciñanza poida participar na elaboración das normas propostas. Poderán facelo persoas maiores de 16 anos empadroadas en Narón ou organizacións e asociacións legalmente constituídas e potencialmente afectadas polas mesmas- a través da plataforma municipal Narón Participa, -www.naronparticipa.es ou naronparticipa.gal-. Pódese acceder tamén á citada plataforma desde a web do Concello de Narón –www.naron.es- e desde o Portal de Transparencia municipal -https://naron.transparencialocal.gob.es/-.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal