Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A "XV MOSTRA DA CAMELIA CIDADE DE NARÓN" DESENVOLVERASE ESTA FIN DE SEMANA NAS INSTALACIÓNS DO CENTRO COMERCIAL ODEÓN
O Concello colabora coa Asociación Galega da Camelia na organzación deste evento, que terá lugar os días 9 e 10 de febreiro
Narón, 4 de febreiro de 2019. A décimo quinta edición da Mostra da Camelia Cidade de Narón celebrarase esta fin de semana, os días 9 e 10, no Centro Comercial Odeón. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e as concelleiras de Feiras e Mercados, Mar Gómez, e de Turismo, Natalia Hermida, presentaron esta mañá o evento acompañadas por Eusebio López e Manuel Cruz, vicepresidente e tesoureiro, respectivamente, da Asociación Galega da Camelia. A convocatoria incluirá o undécimo concurso de Flor de Camelia Cidade de Narón. Os organizadores salientaron que unha trintena de cultivadores de camelios procedentes de Narón e comarca, así como de Pontevedra, Vilagarcía, O Porriño ou Tui, entre outras localidades, participarán nesta cita. As persoas interesadas en facelo poden aínda inscribirse ata o vindeiro xoves, día 7, chamando ao número de teléfono 660 599 700. A alcaldesa explicou que o programa de actividades comezará coa apertura e montaxe da mostra o sábado ás 9.00 horas, se ben a partir das 13.00 un xurado especializado encargarase de calificar os lotes concursantes para deliberar os premios que se entregarán pola tarde, a partir das 17.00 horas e coincidindo coa apertura ao público da Mostra. Este ano entregaranse premios á Mellor Camelia japónica, á Mellor Camelia reticulata, á Mellor especie de camelia, ó Mellor híbrido de Camelia, á Mellor flor miniatura, ó Mellor cultivador-expositor e á Mellor composición artística colectiva. A este último premio poderán optar todas as agrupacións que representen a un colectivo (asociacións, entidades culturais, etc.). Na xornada do sábado a mostra poderá verse ata as 22.00 horas, se ben o domingo permanecerá aberta desde as 10.00 ata as 18.00 horas. Tamén o domingo, ás 10.30 horas está programada unha visita ao Xardín de camelias de Manuel Cruz, localizado na parroquia fenesa de Sillobre. As persoas que queiran acudir, tal e como indicou Eusebio López, deberán anotarse previamente chamando ao teléfono 660 599 700. Os visitantes terán a oportunidade de ver esta fin de semana na cidade centos de especies de camelia, entre puras e híbridas, nunha exposición instalada para a ocasión e na que estarán perfectamente identificadas. Eusebio López e Manuel Cruz, en representación da Asociación Galega da Camelia, agradeceron a colaboración, un ano máis, do Concello de Narón neste evento. Pola súa banda, a alcaldesa, Marián Ferreiro, convidou á veciñanza de Narón e doutros concellos a achegarse o sábado e o domingo á Mostra da Camelia para ver algunhas especies desta flor, moitas delas pouco coñecidas en xeral. Ferreiro recordou que a cidade conta cunha especie única, a camelia “Cidade de Narón”, cunha flor de cor vermello intenso e creada por Eusebio López, ao tempo que destacou o traballo da Asociación Galega da Camelia, con sede da súa delegación comarcal en Narón.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal