Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MÁIS DE DOUSCENTOS ALUMNOS E ALUMNAS DE CENTROS DE ENSINO DA CIDADE ASISTIRON AO ACTO DE CLAUSURA DO "XXX CERTAME INTERCENTROS CONCELLO DE NARÓN"
Nesta edición do certame participaron algo máis de oitocentos alumnas e alumnos de centros públicos da cidade
Narón, 16 de maio de 2019. A entrega de premios do “XXX Certame Intercentros Concello de Narón” tivo lugar esta mañá no Pazo da Cultura. Uns douscentos alumnos e alumnas de colexios públicos de Narón acudiron ao acto para recoller os premios concedidos nas diferentes categorías do certame, no que participaron máis de oitocentos rapaces e rapazas da localidade. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, felicitou a tódolos alumnos e alumnas que participaron, aos directores e directoras dos centros educativos, ao profesorado e ás Anpas por manter no tempo este certame, que cumpriu este ano a súa trixésima edición. Ferreiro tivo tamén palabras de agradecemento para os presentadores, da Escola de Teatro de Narón, e para o colexio de Piñeiros, organizador desta convocatoria, e anunciou que o vindeiro ano esa tarefa corresponderalle ao colexio da Solaina, ao que animou a continuar o traballo dos seus predecesores para seguir mantendo este certame, un dos máis senlleiros da cidade. A alcaldesa da cidade foi a encargada de entregar os premios globais á participación, que recolleron directores e directoras do CRA de Narón, dos CEIP A Solaina, Ponte de Xuvia, Piñeiros, Virxe do Mar, A Gándara e do CPI O Feal. Estes premios correspóndense cos concedidos aos traballos de Murais, Conto, Conto ilustrado e Cómic que realizou alumnado de educación Infantil e Primaria, cuxos traballos permaneceron expostos dende finais de abril ata hoxe no hall do Pazo da Cultura, e tamén os de Canción oral de Infantil e primeiro e segundo de Primaria. A continuación entregáronse os premios de Expresión oral, Canción en galego, Audiovisual, Reportaxe xornalística, Poesía, Teatro escrito e Narrativa, en función de diferentes categorías, que entregaron a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, a inspectora do Servizo Territorial de Inspección Educativa de Ferrol, María Elena Urtiaga; os concelleiros Mar Gómez, Ibán Santalla, Pablo Mauriz, Natalia Hermida, Guillermo Sánchez Fojo, Teresa Sabio, Xosé Gómez Fandiño, Catalina García, André Abeledo, Alfonso Casal e tamén directores, coordinadores de Dinamización lingüística dos centros educativos e representantes das Anpas. O premio polo cartel anunciador deste certame foi para o colexio organizador, o CEIP de Piñeiros, que no acto de hoxe, tal e como anunciou a alcaldesa, Marián Ferreiro, cedeu o testigo ao CEIP da Solaina, centro que organizará a trixésimo primeira edición do Certame Intercentros Concello de Narón o vindeiro ano. No transcurso do acto actuou o Pequecoro Solidarium, impulsado a través do Programa Municipal de Educación Extraescolar do Concello de Narón e integrado por unha trintena de nenos e nenas de entre 6 e 11 anos, dirixidos por Cristina Teijeiro. “Eu son un peixe” é o título da canción que interpretaron durante o acto. Así mesmo, antes de rematar o evento actuou o coro Solidarium do IES Terra de Trasancos, que interpretou a canción “Compañeira”. Dirixido por Graciela Galdo, o coro Solidarium está integrado por medio cento de rapazas e rapaces de ESO e Bacharelato do IES Terra de Trasancos. A última das actuacións da xornada correu a cargo de Valentina Barriga, alumna de cuarto de ESO do IES Terra de Trasancos, que interpretou “Negro caracol”. A alcaldesa da cidade pechou o acto animando aos rapaces e rapazas a seguir defendendo a nosa cultura e defendendo a lingua galega. Ferreiro convidou aos asistentes a acudir aos actos organizados polo Concello para conmemorar o Día das Letras Galegas que terán lugar esta tarde en Odeón e mañá no Pazo da Cultura, con propostas dirixidas a todos os públicos.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal