Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MARIÁN FERREIRO DÍAZ TOMOU POSESIÓN DO CARGO COMO ALCALDESA NO PLENO DE CONSTITUCIÓN DA NOVA CORPORACIÓN
A alcaldesa tendeu a man a todas as forzas políticas para continuar traballando xuntos polo futuro da cidade e o benestar das veciñas e veciños de Narón
Narón, 15 de xuño de 2019. O Concello acolleu este mediodía, ás 12.00 horas, o pleno de constitución da nova corporación local, no que tivo lugar a investidura de Marián Ferreiro como alcaldesa da cidade. Foi o ata agora portavoz de Terra Galega na cidade e secretario xeral do partido, Guillermo Sánchez Fojo, a persoa encargada de entregarlle a Ferreiro o bastón de mando nun acto ao que acudiron familiares e amizades dos representantes da nova corporación local, así como veciñas e veciños da cidade. Marián Ferreiro obtivo trece dos vinte votos que se emitiron –ao faltar un edil do PP, Marcos López, á sesión-, quedando proclamada alcaldesa da cidade. Na sesión plenaria xuraron ou prometeron o seu cargo os edís: Manuel Ramos, Natalia Hermida, Pablo Mauriz, Ibán Santalla, Román Romero, Guillermo Sánchez Fojo, José Oreona, Mar Gómez e Mercedes Taibo, de Terra Galega; Germán Castrillón, María del Mar Blanco, Javier María Pereira, Ana Vanesa Bouzamayor, e Estrella Castrillón, do PP, se ben o edil popular Marcos López non puido acudir ao acto; José David Pita, Catalina García e Santiago Galego, do PSOE e Olaia Margarita Ledo e Eugenio Carballeira, do BNG. Os vinte edís completarán a corporación que nos vindeiros catro anos presidirá na cidade Marián Ferreiro. Na súa intervención, tras aceptar e prometer o cargo, Marián Ferreiro foi proclamada alcaldesa e deu a benvida aos restantes compañeiros e compañeiras da corporación local constituída oficialmente esta mañá. A alcaldesa tivo palabras de agradecemento para as veciñas e veciños que o pasado 26 de maio situaron novamente a Terra Galega como a primeira forza política de Narón, valorando a súa confianza no partido, e tamén ás súas compañeiras e compañeiros de bancada “por confiar en min para ser a candidata á Alcaldía, polo esforzo realizado e pola ilusión depositada no proxecto que hoxe comezamos para Narón”, valorando tamén que o PSOE se sumase ao proxecto de cidade de TEGA. A continuación a alcaldesa agradeceu especialmente o respaldo da súa familia “por apoiarme nesta nova etapa da miña vida política, iniciada hai catro anos e que nos dous últimos se intensificou dende a alcaldía”. Ferreiro quixo valorar “o feito de que entendérades en todo momento o tempo que non puiden compartir con vós”. En relación co resto de formacións políticas da nova corporación, PP, PSOE e BNG, a alcaldesa tendeu a man para traballar xuntos polo futuro da cidade e “priorizar en todo momento o benestar das nosas veciñas e veciños, deixando de lago as siglas políticas”. “Espero unha oposición construtiva e leal, dentro do marco da lóxica e lexítima discrepancia política”, recalcou. Referiuse tamén na súa intervención a alcaldesa ao cadro de persoal municipal, ao que agradeceu “a súa dedicación continua, dando sempre o mellor de si para lograr o obxectivo de mellorar Narón. Sodes a maquinaria que permite e seguirá permitindo a efectiva materialización de cada decisión que tomamos”, asegurou. A primeira alcaldesa electa da cidade incidiu en que Narón constitúe todo un exemplo do excelente resultado de levar a cabo políticas que aposten polas persoas, pola formación, o emprego, a conciliación, a igualdade ou o acceso universal á cultura e o deporte, entre outros. Ferreiro asegurou que quedan por diante catro anos para materializar importantes proxectos para a cidade “que asumimos coa maior das responsabilidades e que afronto con felicidade e ilusión”, ao tempo que ofreceu o seu compromiso para, co conxunto da corporación e a colaboración con outras administracións “seguir construíndo o Narón do futuro; un futuro ilusionante e esperanzador que consolidará esta cidade como a oitava de Galicia”. A alcaldesa fixo un repaso polas actuacións prioritarias para a cidade e recordou que o programa de Terra Galega “tradúcese nun único obxectivo: mellorar a calidade de vida de todas as naronesas e naroneses, logrando que sigan sentindo o profundo orgullo de ser de Narón” e ofreceu o seu compromiso para levar a cabo ese proxecto de cidade “con honestidade, lealdade e vocación de servizo público”.

<<< Agosto 2022 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
www.naron.es