Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MÚSICA, VIAXES, LITERATURA E NATUREZA NA PRIMEIRA EDICIÓN DO GULLIVER FEST ORGANIZADO POLO CONCELLO EN COLABORACIÓN COA ASOCIACIÓN FURGOGALICIA
O evento, pioneiro en Galicia, celebrarase os días 2, 3 e 4 de agosto na área recreativa de Pedroso
Narón, 5 de xullo de 2019. A área recreativa de Pedroso acollerá os días 2, 3 e 4 de agosto a primeira edición do Gulliver Fest, un festival da cultura viaxeira. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, os edís de Festas e Cultura, Natalia Hermida e Guillermo Sánchez Fojo, respectivamente, e o presidente da Asociación FurgoGalicia, Ángel Sánchez, xunto con Martín Samael Vázquez Taibo e Miguel Ángel Pardo, tamén da citada entidade, presentaron o programa de actos e animaron ás persoas que desfrutan das viaxes a inscribirse, de balde, neste evento festivo a través dun formulario dispoñible na web: www.gulliverfest.es. O Concello organiza este festival en colaboración coa asociación FurgoGalicia, ofrecéndose un total de 120 prazas para instalarse durante esa fin de semana na área recreativa de Pedroso. “As viaxes cobrarán un especial protagonismo neste evento, polo que apostamos dende o Concello e que impulsaremos como unha proposta pioneira en Galicia e cun programa moi amplo e dirixido a persoas de tódalas idades na que se poderán compartir experiencias viaxeiras en primeira persoa”, asegurou a alcaldesa. Ferreiro subliñou ademáis que “o Gulliver Fest representa unha magnífica oportunidade para dar a coñecer aos asistentes un entorno natural único na zona como é a área recreativa de Pedroso, fomentando tamén así o turismo de natureza e un dos seus máximos expoñentes na nosa cidade, a Ruta dos muíños de Narón”. Na área recreativa instalaranse dous escenarios, un de maiores dimensións no que se sucederán unha serie de concertos e outro máis pequeno donde terán lugar as sesións vermú dos días 3 e 4 de agosto, o espectáculo infantil do sábado e tamén donde os asistentes que o desexen poderán compartir as súas experiencias de viaxes a través de presentación Pechakucha. Trátase dunhas presentacións de seis minutos e corenta segundos de duración para falar ante os asistentes sobre as viaxes realizadas ou os proxectos de vida, inspirando a futuros Gullivers. As persoas interesadas en participar deben enviar por correo electrónico a presentación en formato pdf a través do formulario de inscrición que figura na web deste festival, tal e como indicou Ángel Sánchez. En canto ao apartado musical, actuarán maioritariamente grupos galegos, “o que nos permitirá respaldar e apostar polo excelente traballo que a nivel musical se está realizando en Galicia”, subliñou Ferreiro. Na xornada do venres 2 de agosto o Gulliver Fest comezará ás 18.00 horas e actuarán –a partir das 22.00 horas- as formacións Cachas&Cousins; La Chata Soul e The Skárnivals. O día 3 de agosto o programa inclúe propostas dende as 10.00 ata a madrugada do domingo, se ben no apartado musical haberá un concerto infantil de Lydia Botana ás 12.00 horas; unha sesión vermú ás 13.00 e pola noite, dende as 22.00 actuarán Natural Green, The Lákazans e Muyayo Rif. O domingo a partir das 10.00, e ata as 16.00 horas será a xornada na que os asistentes valorarán esta primeira edición do evento, que xorde co obxectivo de manterse no tempo. A maiores, tamén o 3 de agosto, haberá clases de ioga, xogos populares, presentacións Pechakucha ás 17.30 horas e ás 19.00 Jorge Sierra compartirá a súa experiencia persoal tras dar a volta ao mundo nun Citroen 2CV, ao que chama "Naranjito". O presidente da asociación FurgoGalicia explicou que o nome do festival se elixiu recordando o libro Los viajes de Gulliver, do escritor irlandés Jonathan Swift, que relata na publicación varias viaxes. Este festival viaxeiro aposta ademáis pola literatura e contará cun espazo propio da Biblioteca municipal de Narón.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal