Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO DESTACA A FIGURA DE SANTIAGO CANEIRO ANEIROS, EXDIRECTOR DA BANDA DE GAITAS DO PADROADO, E TRASLADA AS SÚAS CONDOLENCIAS A FAMILIARES E AMIZADES TRALO SEU PASAMENTO
A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, valorou o legado profesional de Caneiro e a súa contribución á difusión da cultura e a música tradicionais de Galicia
Narón, 15 de xullo de 2019. A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, trasladou o pésame do Concello e do propio Padroado da Cultura aos familiares e ás amizades de Santiago Caneiro Aneiros, exdirector da Banda de Gaitas do Padroado, tralo seu pasamento, no día de hoxe. Ferreiro destacou “a súa gran contribución a impulsar a música e a cultura galegas nas últimas catro décadas” e subliñou tamén “o intenso labor que desenvolveu durante a súa etapa profesional no Padroado da Cultura”. Santiago Caneiro Aneiros foi profesor da Escola de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón, director durante máis de dez anos da Banda de Gaitas de Narón, e presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos, “desempeñando unha importante tarefa ao longo da súa vida en canto á recuperación da música tradicional galega en xeral e da gaita e da percusión en particular”. En canto á súa dilatada experiencia profesional, dende o Padroado da Cultura recordouse ademais que Caneiro foi o fundador do Obradoiro de construción de instrumentos, “unha das propostas das Escolas Culturais municipais a través da que se formaron na área da construción de diversos instrumentos tradicionais numerosos veciños e veciñas non só de Narón senón tamén doutros concellos da comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal”. “Dende o Concello de Narón agradecemos a intensa aportación de Santiago Caneiro ao Padroado da Cultura de Narón e á música tradicional galega en xeral, deixándonos un importante legado a través da súa profesionalidade”, ao tempo que lamentou “a gran perda que supón o seu pasamento, unha destacada figura do panorama musical galego é á que sempre recordaremos con gran agarimo nesta cidade”.

<<< Agosto 2022 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
www.naron.es