Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
TEGA, PSOE E BNG APROBARON NO PLENO UN EXPEDIENTE DE MODIFICACIÓN DE CRÉDITO DE 905.000 EUROS PARA INVESTIMENTOS EN ACCESIBILIDADE, MELLORAS VIARIAS E SERVIZOS NA ZONA URBANA E RURAL
O pleno aprobou de xeito definitivo o proxecto de expropiación "Parque fluvial de Narón entre a avenida Miguel de Cervantes e Megasa" e varias declaracións institucionais respaldando a colectivos de traballadores e traballadoras de Narón e comarca
Narón, 26 de setembro de 2019. O bipartito naronés –TEGA e PSOE- aprobou inicialmente un expediente de modificación de crédito por un importe de 905.308 euros. Con cargo ao crédito extraordinario da partida total destinaranse, tal e como explicou o concelleiro de Xestión Orzamentaria, Román Romero, 740.414 euros á reposición de rodadura nas rúas Ferrol, Bispo Argaya e outras; á reposición de beirarrúas e pavimento nas Vivendas da Mariña; a mellorar a capa de rodadura da avenida Conde de Fenosa, Rafael Bárez e outras; á reforma de escaleiras de acceso da estrada de Castela ás Vivendas da Mariña; á renovación de servizos da rúa Chantado e á compra dun local para un espazo lúdico-educativo na zona urbana de Narón. Desta mesma modificación de créditos, a cargo a un suplemento de créditos de 164.984 euros procederase a ampliar a rede de saneamento en Borreiros-Castro; ampliar o saneamento en San Mateo-Calliqueira; climatizar a terceira, cuarta, quinta e parte da sexta planta do Concello e a habilitar un anexo para almacén no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara. O financiamento do expediente realízase con cargo ao remanente líquido de Tesourería para gastos xerais procedente da liquidación do ano 2018. Así mesmo, tamén o bipartito aprobou de xeito definitivo o proxecto de expropiación “Parque fluvial de Narón entre a avenida Miguel de Cervantes e Megasa”, cunha taxación conxunta dos bens afectados por un importe de 259.019 euros. O Concello construirá unha senda peonil e ciclista entre a rúa Miguel de Cervantes e a zona de Megasa na que se localizarán varias áreas estanciais. Para materializar o proxecto adquiriu 62 das 67 parcelas localizadas no tramo, dado que cinco delas xa son da súa titularidade, e acadando así uns 70.000 metros cadrados de superficie que se suman a outros 20.000 que xa eran propiedade do Concello. A corporación local aprobou por unanimidade os festivos locais correspondentes ao ano 2020, quedando fixadas como festas locais de Narón o vindeiro ano o 25 de febreiro, martes de Entroido, e o 23 de novembro, Día de Narón. Na sesión saíu adiante polo acordo unánime da corporación a incoación do expediente para a adxudicación do contrato de servizos de Axuda no Fogar. Dende o Concello estase traballando, tal e como indicou a concelleira de Benestar Social, Catalina García, no plego de contratación, que se publicará na plataforma municipal Narón Participa para que as persoas que o desexen poidan presentar as consideracións que estimen oportunas. “A prioridade máxima deste goberno é prestar a mellor atención ás familias”, recalcou a edil. No pleno aprobouse tamén por unanimidade o irmandamento entre Narón e a Cidade de Heredia, en Costa Rica, co fin de promover intercambios económicos, sociais e culturais para obter un maior desenvolvemento de ambos municipios, según indicou o portavoz de TEGA, Román Romero, que explicou que foron os representantes da cidade de Heredia os que contactaron co Concello para solicitar este irmandamento. Narón e Heredia intercambiarán experiencias en educación e seguridade viaria, procedéndose a levar a cabo este irmandamento en base a intereses comúns nesas áreas: educación, seguridade e mobilidade viaria. No apartado de mocións aprobáronse –sen o respaldo do PP- dúas mocións do BNG. Unha delas en relación coa emerxencia climática e a movilización do 27 de setembro polo clima na que se apoia a movilización mundial programada para mañá e na que se contempla a organización de campañas dirixidas á poboación sobre as causas e consecuencias da emerxencia climática, e outra a prol da loita contra a violencia de xénero, para expresar o recoñecemento da corporación local ás mobilizacións desenvolvidas polo feminismo galego e pedindo o compromiso a incrementar no vindeiro exercicio económico recursos económicos para previr e loitar contra a violencia machista, entre outras medidas. Os grupos municipais de TEGA, PP e PSdeG-PSOE asinaron tamén unha moción en apoio á campaña “Emerxencia feminista”, promovida por organizacións de mulleres con motivo da acción prevista para o 20 de setembro no país e que se desenvolveu tamén en Narón, donde se iluminou de cor malva a fachada do Pazo e a rotonda de Freixeiro en sinal de compromiso na loita contra a violencia machista. Esta moción aprobouse tamén co respaldo dos dous edís do grupo municipal do BNG. A corporación local de Narón respaldou finalmente no pleno catro declaracións institucionais, unha sobre o Servizo galego de apoio á mobilidade persoal para persoas con discapacidade e/ou persoas en situación de dependencia; outra en apoio á proposta de conexión dos portos da Coruña e Ferrol co corredor atlántico ferroviario; unha terceira en relación á emerxencia climática e, por último, unha de apoio á central térmica de As Pontes e aos transportistas do carbón. Por vía de urxencia aprobouse, co respaldo de TEGA, unha moción do PSOE rexeitando as políticas do goberno galego en materia de educación. O portavoz socialista no Concello, David Pita, criticou as políticas da Xunta ao respecto e incidiu na necesidade de revertir eses recortes que merman a calidade do ensino público en Galicia. Fóra da orde do día aprobouse outra declaración institucional en apoio ás reivindicacións dos traballadores da UTE Tecman-Indasa tralo despedimento de quince persoas. Ao remate da sesión plenaria a alcaldesa, Marián Ferreiro, deu a palabra a Roberto Carlos López, en representación dos traballadores, e tras escoitar a corporación as súas reivindicacións a alcaldesa e os portavoces mantiveron unha xuntanza co colectivo no Concello.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal