Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O COORDINADOR DO EQUIPO DE EDUCACIÓN VIARIA DO CONCELLO DE NARÓN, PEDRO CANEIRO, RECIBIRÁ EN MADRID A MEDALLA DE OURO Á EDUCACIÓN VIARIA
A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, felicitou a Pedro Caneiro por este recoñecemento que recibirá en Madrid o vindeiro 10 de outubro
Narón, 5 de outubro de 2019. O axente da Policía Local de Narón Pedro Caneiro, coordinador do equipo de Educación Viaria do Concello, recibirá en Madrid un dos Premios Nacionais de Seguridade Viaria para as Policías Locais da Fundación pola Seguridade Vial. Así llo comunicou o secretario de Políticas de Seguridade Vial de Unijepol pola Comisión organizadora da III Convención Nacional de Seguridade Viaria, Javier García. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, felicitou a Caneiro, que obtivo a Medalla de Ouro á Educación Viaria como coordinador do programa de Educación Viaria da Policía Local de Narón. O acto de entrega do premio terá lugar o vindeiro 10 de outubro nas instalacións do Ifema de Madrid, no marco da Feira Trafic, na III Convención Nacional de Seguridade Viaria das Policías Locais. No transcurso do acto entregaranse oito Medallas de Ouro á Educación Viaria –entre elas a de Pedro Caneiro, a única concedida nesta edición en Galicia-. Os premios están organizados por Fesvial, en colaboración con Unijepol e están tamén respaldados pola FEMP, a DGT, a Fundación CNAE, Ifema e a Feira Trafic. Pedro Caneiro recollerá a medalla na cerimonia de entrega que se celebrará a partir das 13.30 horas e na que intervirán o director de Fesvial, Javier Llamazares e o secretario xeral de Unijepol, Miguel Ángel García. Coa entrega dos premios pecharase o programa da terceira edición da Convención Nacional de Seguridade Viaria para as Policías Locais, no que participarán representantes de Unijepol, Fesvial, a FEMP, a DGT, e Aesleme, entre outros profesionais na área da seguridade viaria. O axente da Policía Local de Narón Pedro Caneiro forma parte do plantel do Corpo na cidade dende o ano 1991 e traballa no equipo de Educación Viaria dende hai catorce anos. Na actualidade, xunto coa axente da Policía Local Sonia López, que forma tamén parte do Equipo de Educación Viaria de Narón, e con outros colaboradores, impulsaron dende a Concellería de Seguridade Cidadá recoñecidos programas como Bica e Arrinca e os Camiños Escolares Seguros, implantados na práctica totalidade dos centros de ensino da cidade e cun gran éxito de participación. Estes programas tiveron un gran recoñecemento a nivel nacional e espertaron o interese de varios países tamén a nivel internacional, como Francia ou Alemaña, entre outros. Pedro Caneiro subliñou que se trata “dunha medalla que é para toda a xente que participou dende o inicio nesta aposta pola formación en materia de seguridade viaria cos nenos e nenas, dende o persoal do Concello ata os docentes, as Anpas, os pais e nais… porque sen a súa colaboración non poderiamos facer este tipo de proxectos que hoxe en día teñen unha excelente acollida na nosa cidade e son un exemplo e unha referencia para moitas outras localidades que nos piden asesoramento nesta materia”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal