Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONSELLO ESCOLAR MUNICIPAL ACORDA SOLICITAR Á XUNTA QUE ASUMA O SERVIZO DE MADRUGADORES E ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES NOS CENTROS DE ENSINO
A concelleira de Educación, Mercedes Taibo, explicou a situación da matrícula escolar no actual curso e entregou material promocional da campaña do 25N aos asistentes
Narón, 20 de novembro de 2019. O Concello acolleu onte a xuntanza do Consello Escolar Municipal, unha reunión que se convoca con carácter anual, tralo inicio do curso escolar, e na que participaron representantes de centros públicos e concertados da cidade, integrantes das Anpas, representantes dos grupos políticos da corporación local e persoal sindical. A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, foi a encargada de dirixirse ao colectivo, que abordou diferentes asuntos de interese incluídos na orde do día da convocatoria. A edil naronesa presentou os datos correspondentes á situación da matrícula escolar no actual curso académico, que ascende a 4.490 alumnas e alumnos nos colexios e institutos da cidade, o que supón un incremento de 90 menores con respecto ao curso 2018-2019 e que se rexistrou en practicamente todos os centros e foi máis destacado no IES Terra de Trasancos e nos colexios do Feal e Santiago Apóstol. Taibo apuntou ao respecto que o Concello continúa reclamando un novo centro educativo de Infantil e Primaria para o Alto do Castiñeiro, unha das reivindicacións que se plantexou en varias ocasións aos responsables de Educación da Xunta de Galicia. No Consello Escolar Municipal tamén se informou sobre a petición, por parte da alcaldesa, Marián Ferreiro, á Xunta, dun Centro Integrado de Formación Profesional na cidade, co fin de impartir ciclos formativos da familia de comercio e marketing e de industrias alimentarias, disciplinas que non se imparten na comarca. Así mesmo, explicouse que se continúa á espera de que a unidade técnica da xefatura territorial de Educación realice as valoracións oportunas das obras que precisan os centros de ensino co fin de asinar un acordo no que o Concello se ofrece a colaborar nos gastos, pese a non ser actuacións da súa competencia. O Programa de Actividades Extraescolares Municipais (Promedex 2019-2020) e os acordos de colaboración asinados cos centros educativos para a realización de actividades formaron tamén parte da orde do día desta reunión. Fóra da orde do día, tal e como explicou Taibo, representantes da totalidade de Anpas dos centros de ensino públicos de Infantil e Primaria asinaron un documento, que se trasladará á Consellería de Educación dende o Concello, no que instan á Xunta de Galicia a asumir a xestión dos servizos de almorzo/madrugadores e as actividades extraescolares nos centros educativos. O colectivo que xestiona diariamente estes servizos, as familias, aseguran sentirse “saturadas e desbordadas” e consideran que “este traballo extralimita as funcións das Anpas”. Así mesmo, dende o colectivo solicitan que a Consellería de Educación dote aos centros de ensino do persoal administrativo necesario. Finalmente acordouse, trala pertinente votación, dar traslado destes acordos á Consellería de Educación. Antes de dar por rematado o Consello Escolar Municipal Taibo informou aos asistentes sobre a organización dunhas xornadas, sobre as que se está traballando, para elaborar un Plan Escolar de Igualdade e tamén lles entregou unha pequena mostra do material promocional da campaña do 25N, Día Internacional contra a violencia de xénero, trala adhesión un ano máis do Concello á campaña “En negro contra as violencias”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal