Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO ORGANIZA UN "SHOWCOOKING" CON DOUS RECOÑECIDOS COCIÑEIROS GALEGOS ABERTO Á CIDADANÍA EN XERAL
A cita será este venres, día 29, a partir das 19.30 horas no Café Teatro do Pazo da Cultura, tal e como recordou o edil de Promoción Económica, David Pita
Narón, 26 de novembro de 2019. O Concello de Narón organiza a través da área de Promoción Económica, dirixida polo edil David Pita, e no marco do Club Narón Gastronómico, un showcooking a catro mans no que participarán dous recoñecidos cociñeiros galegos, Beatriz Sotelo e Iñaki Bretal, que porán en valor o marisco da ría. A cita será este venres, día 29, a partir das 19.30 horas no Café Teatro do Pazo da Cultura e poderán asistir todas as persoas que o desexen, ata completar o aforo, tendo a oportunidade de degustar ao final os produtos que se cociñarán para a ocasión. O showcooking “Creacións con marisco a 4 mans” centrarase nas cinco especies de mariscos da nosa ría que xa protagonizaron as Xornadas: Ostra salvaxe, Zamburiña, Ameixa Rubia, Mincha e Carneiro. De calidade extraordinaria, estarán versionados nesta ocasión por Beatriz Sotelo e Iñaki Bretal, dous influíntes cociñeiros galegos que aportarán a súa creatividade e a impronta propia dos seus territorios de orixe, contrapoñendo o xeito de preparar o marisco no norte e no sur de Galicia. Entre as creacións que elaborarán en vivo e en directo para todas aquelas persoas que queiran gozar do espectáculo e o sabor, están: Carneiro de mar con lactonesa de man de Buda, Ostra gratinada con crema de queixo, lima e pementa, Ameixa rubia con crema de cebola, Zamburiña lañada con emulsion de codium, Carneiros ao natural, ají amarelo e escuma de champagne, Ostras en escabeche cítrico, Zamburiñas á tixola de ferro, kimchie e algas, e Ameixas ao albariño con ajilimójili, entre outras. Este showcooking será o colofón á campaña de difusión da riqueza dos produtos da ría e do sector hostaleiro que o Concello de Narón está desenvolvendo coa celebración do obradoiro realizado o pasado 29 de outubro, dirixido ao sector hostaleiro, e as Segundas Xornadas do Marisco da Ría, desenvolvidas do 14 ao 17 de novembro e do 21 ao 24 de novembro. Beatriz Sotelo Na edición 2008 da Feria Alimentaria alzouse co galardón que a recoñecía como gañadora do “Concurso Cocinero del Año” en España, polo que competiron preto dun milleiro de cociñeiros. Alí deuse a coñecer perante o mundo unha muller que, sen ter acadado os trinta anos, ostentaba xa a súa primeira estrela Michelin no restaurante A Estación de Cambre e que non parou de medrar profesionalmente sen deixar de ser a espontánea rapaza de Ardán que contaxia vitalidade e paixón que sempre foi, a pesar da súa sona e recoñecemento no mundo dos fogóns a nivel nacional. Na actualidade combina actividades de asesoramento executivo de establecementos de hostalería, xunto coa docencia na rede de Centros Públicos de Formación Profesional, así como a participación en eventos relacionados coa súa profesión, e en diversas producións da Televisión de Galicia coa gastronomía como eixo. O traballo de Beatriz inspírase no produto e del nace unha idea, unha receta, un prato. Ese é o segredo do seu éxito: manter sempre como premisa que a inspiración nace da materia prima de calidade que o mercado pon cada día á súa disposición, sen buscar outro camiño cara á xenialidade que o traballo ben feito e a honestidad no prato. Iñaki Bretal Con formación en Hostalería e Turismo, nominado a cociñeiro do ano en 2015 e cunha dilatada experiencia en cociñas nacionais antes de contar cos diferentes establecementos propios tanto en Galicia como en Madrid, entre eles o restaurante gastronómico Eirado da Leña e o gastrobar ‘Loaira’, ámbolos dous no centro histórico de Pontevedra, así como no recentemente inaugurado ‘Farmacia de Guardia’, en pleno barrio madrileño de Malasaña, onde desprega os sabores máis auténticos de Galicia. En todos eles e nos distintos eventos gastronómicos dentro e fóra do país nos que participa, dá renda solta ao máis sinxelo dos principios que rexe o seu facer nos fogóns: o produto fresco e de calidade. Preferiblemente peixe, eses peixes que segundo van entrando no establecemento van inspirando creacións que son un luxo en todos os sentidos. Pero tamén carnes e produtos de horta da mellor das despensas: Galicia. A de Iñaki é unha cociña de proximidade e estacional, que respecta as raíces e engádelle un punto de creatividade como un aliado para se gañar a un cliente cada vez máis esixente e entendido.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal