Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PAZO ACOLLERÁ ESTE SÁBADO A ÓPERA "O LORO DE CARLOS V" E REMATARÁN DURANTE A FIN DE SEMANA OS CICLOS TEATRAIS DE PEDROSO E O COUTO
As entradas para o espectáculo do Pazo poden adquirirse aínda na billeteira das instalación ou na web do Padroado da Cultura, se ben nas representacións de Pedroso e do Couto a entrada é de balde
Narón, 3 de decembro de 2019. O Pazo da Cultura de Narón acollerá este sábado, día 7, a ópera infantil “O loro de Carlos V”, coa Orquestra Sinfónica de Galicia. Trátase da primeira ópera buffa galega baseada nunha idea orixinal do compositor Nani García e na que teñen cabida pezas como “A frauta máxica”, de Mozart e outras obras de Rossini. As entradas dispoñibles teñen un prezo de 16 euros para o público xeral e de 11,20 para abonados, desempregados, persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos) e menores de 14 anos. Poden adquirirse na billeteira do Pazo ou na web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es. É unha proposta pensada para público infantil pero que se dirixe a todo tipo de públicos, protagonizada por Spiridon, o loro favorito do emperador, que escapou de palacio pola fiestra. Ninguén se atreve a dicirllo ao monarca pero acaba decatándose e ofrece unha recompensa a quen llo entregue. Finalmente atópao unha parella de labregos que vivirán unha serie de situacións para cobrar a recompensa ofrecida. A peza baséase nun conto infantil do século XVI do que se extrae unha moralexa moi de actualidade, na que se abordan problemas como a corrupción e o tráfico de influencias. As propostas culturais para esta fin de semana inclúen ademais teatro. No caso da parroquia de Pedroso, rematará o “III Memorial Andrés Castro de Teatro”, organizado pola Sociedade Cultural e Recreativa “A Pombiña” e no que colabora o Concello de Narón. As dúas últimas representacións deste ciclo serán os días 6 e 8 de decembro, cos espectáculos “Don Pero el Emparedado”, a cargo do grupo Amistade de Santa Mariña (Donas de Amistade) e “Defectos de fábrica”, do Grupo de Teatro da Pombiña, respectivamente. Ambas representacións serán ás 19.00 horas no local da S.C.R. “A Pombiña” e con entrada de balde. Así mesmo, o vindeiro domingo, día 8, rematará a “XI Mostra de Teatro amador na parroquia do Couto”, organizada pola AVV da parroquia en colaboración co Padroado da Cultura. O Centro Cívico Social do Couto acollerá ás 19.00 horas a representación da cuarta e última obra deste ciclo, “A memoria fai historia”, do Grupo de Teatro da Fundación Terra de Trasancos, do Val, sendo unha creación colectiva do grupo e dirixida a todos os públicos. A entrada tamén é de balde.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal