Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA E O VICEPRESIDENTE DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA ASINARON UN CONVENIO DE COLABORACIÓN PARA REHABILITAR O MUÍÑO DE XUVIA
Marián Ferreiro e Xosé Regueira rubricaron esta mañá o acordo na Deputación para un proxecto que conta cun orzamento total de 1,3 millóns de euros
A Coruña, 3 de decembro de 2019- O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro asinaron o convenio de colaboración para o cofinanciamento da rehabilitación do Muíño de Xuvia. O proxecto conta cun orzamento de 1.307.842 ¤ dos que a Deputación da Coruña achega un total de 400.000 ¤ para unha iniciativa que suporá a recuperación dun elemento patrimonial fundamental do concello de Narón e unha das principais construcións da historia industrial galega. A Deputación da Coruña colaborará co Concello de Narón na rehabilitación do Muíño de Xubia, un elemento de singular importancia histórica e etnográfíca, cun proxecto que conta cun orzamento de 1.307.842 ¤ dos que a institución provincial se compromete a achegar un 30% do total, é dicir, 400.000 ¤. O vicepresidente e deputado de Plans e Turismo, Xosé Regueira, considera que o proxecto, supón "recuperar o muíño máis singular da época da Ilustración, que xogou un papel crucial no mercado con América e é un dos bens de maior relevancia da historia industrial galega e, en concreto, da provincia da Coruña, tanto arquitectónica como historicamente". Para a Deputación da Coruña, apuntou Regueira, é "un orgullo colaborar no financiamento deste proxecto que vai incidir positivamente no coñecemento da veciñanza da comarca mais que tamén é un recurso turístico de gran valor nun ámbito tan importante para nós como é o Camiño Inglés, xusto á beira do propio mosteiro de Xubia". A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, pola súa parte, destaca a "colaboración entre as administracións para recuperar un ben singular no que se proxectará un centro de interpretación onde poremos en valor a historia da Real Fábrica de Fariñas de Xubia". Sinala tamén que o financiamento do proxecto, que conta cun orzamento de 1.307.842 ¤, está enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostíbel e Integrado "Ría de Ferrol, Cidade 2020", contando polo tanto de cofinanciación de fondos FEDER. Para o concello de Narón suporá, "poñer en valor o noso patrimonio e tamén un punto de atracción turística dado o importante valor desta construción". O proxecto de rehabilitación permitirá recuperar un elemento patrimonial de gran valor histórico cunha orixe fabril que se sitúa no século XVIII. O programa de rehabilitación contempla a reconstrución e restauración mimética dos enxeños industriais para se amosar no entorno recuperado, como peza básica da historia, cultural do lugar e a súa xente e a reutilización do edificio de vivendas para museo e aulas didácticas. Ademais, o proxecto posibilitará acadar novos espazos multiusos que permitirán amosar o patrimonio municipal, entre o que se atopa este emblemático edificio, tanto por parte das persoas residentes na comarca como como polo de atracción turística. No complexo arquitectónico inclúese o muíño, vivendas e almacéns. A planta baixa do muíño dedicarase a centro de interpretación e a superior a aulas temáticas, sala de conferencias ou exposicións temporais. O almacén terá como uso a recepción de visitantes e contará cunha zona de información e exposición de produtos naturais, artesanía e literatura local, ademais de aseos públicos. Finalmente o patio, cuberto por unha estrutura de vidro, será o vertebrador de todos os espazos e nel situarase o núcleo de comunicacións principal, absorbendo as circulacións entre os distintos corpos e salvando así os diferentes desniveis existentes. Os criterios que se defenderán na restauración e intervención pasan por utilizar materiais iguais ou similares nos elementos restaurados, uso de técnicas, materiais e conceptos compatibles cos existentes e adaptación do edificio ao maior número de funcións para asegurar o seu mantemento no tempo.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal