Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A LUDOTECA MUNICIPAL DA SOLAINA PROGRAMA VARIAS ACTIVIDADES DE NADAL ATA O 7 DE XANEIRO
As propostas desenvolveranse en horario de mañá e diríxense a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos, tal e como indicou a edil responsable da área, Mercedes Taibo
Narón, 19 de decembro de 2019. A Ludoteca municipal de Narón, no barrio da Solaina, acollerá este Nadal diferentes actividades dirixidas aos nenos e nenas. A concelleira de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, avanzou que se desenvolverán entre os días 26 de decembro e 7 de xaneiro en horario de 10.00 a 13.00 horas, dado que entre as 13.00 e as 14.00 horas estará operativo o servizo de información e préstamo de libros, sendo este o horario de apertura das instalacións nestas datas. A primeira das convocatorias será o xoves 26, cunha xornada de xogos cooperativos e unha sesión de contacontos: “Contos de Nadal con monicreques”. O venres día 27 haberá un espectáculo cómico a cargo de “Circus Magníficus”, que dará comezo ás 11.00 horas. Para poder asistir será preciso estar inscrito na ludoteca, podendo facelo previamente en horario de 19.00 a 20.00 horas nas propias instalacións, de luns a venres. A concelleira naronesa explicou que aínda quedan prazas vacantes e animou aos nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, aos que se dirixe a convocatoria a anotarse para “gozar deste show vencellado ao circo e na que se poderán ver sesións de malabares, equilibrios e moitas outras propostas propias do circo”. A actividade ten unha duración aproximada dunha hora e é de balde. No mes de xaneiro, o xoves día 2 programouse un obradoiro de construción de xogos e xoguetes e o venres día 3 celebrarase o Día solidario, no que se intercambiarán libros e xoguetes. As nenas e nenos que vaian á Ludoteca poderán intercambiar xogos, xoguetes ou libros que xa non utilicen por outros que leven outros nenos e nenas ou tamén poden doalos para que se reutilicen. Finalmente, o martes 7 os menores poderán participar nunha sesión de xogos deportivos, música e danza, na que será “unha mañá moi movida”.

<<< Agosto 2022 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
www.naron.es