Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A EXPOSICIÓN "GALEGOS EN MAUTHAUSEN" PERMANECERÁ ATA O 1 DE FEBREIRO NA BIBLIOTECA MUNICIPAL
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e outros representantes do goberno local asistiron á inauguración da exposición xunto con persoal da Asociación Memoria Histórica Democrática
Narón, 20 de xaneiro de 2020. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, asistiu esta tarde, ás 19.00 horas, ao acto inaugural da exposición “Galegos en Mauthausen”, ubicada na sala de exposicións da Biblioteca municipal. Á cita, acudiron outros representantes da corporación local, entre eles a concelleira de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, o portavoz do PSOE, David Pita,outros edís do grupo de goberno e tamén Manuel Pita e Enrique Barrera, presidente e secretario, respectivamente, da Asociación Memoria Histórica Democrática, entidade coa que o Concello organiza un ano máis os actos do Día Internacional en Memoria das Vítimas do Holocausto, que se conmemora cada 27 de xaneiro. A mostra consta de medio cento de imaxes, paneis e outros documentos nos que se constata a situación duns douscentos galegos internados no campo de concentración nazi de Mauthausen, en Austria. O historiador Enrique Barrera realizou un percorrido guiado aos asistentes ao acto inaugural, que puideron escoitar as explicacións ofrecidas sobre estes feitos históricos. A mostra poderá verse ata o vindeiro día 1 de febreiro, de luns a venres, en horario de 17.00 a 20.00 e os sábados de 10.00 a 13.00. Marián Ferreiro agradeceu o labor desenvolvido dende a Asociación Memoria Histórica Democrática “para que estes tráxicos feitos non queden no esquecemento, condenalos publicamente e dalos a coñecer como parte da nosa historia, xa que milleiros de persoas foron vítimas inocentes desta barbarie na que tamén morreron veciñas e veciños da nosa comarca”. A alcaldesa convidou á veciñanza a acudir a ver o material desta mostra e recordou que nos vindeiros días se continuará desenvolvendo na cidade o programa organizado coa Asociación Memoria Histórica Democrática con motivo do Día Internacional das Vítimas do Holocausto. O vindeiro luns, día 27, ás 11.00 horas haberá unha visita guiada a esta exposición para alumnado do colexio Ayala e do IES As Telleiras e tamén nesa mesma xornada, ás 12.00 horas, celebrarase un acto institucional no salón de plenos do Concello –no que participará alumnado dos centros citados anteriormente- e no que se acenderán seis candeas en recordo dos diversos colectivos vítimas do Holocausto. A maiores, Barrera tamén impartirá este mes a conferencia “Galegos en Mauthausen” para alumnado de Bacharelato do IES das Telleiras e de cuarto curso de ESO do colexio Ayala.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal