UNHA DECENA DE BOMBEIROS DO SPEIS DE NARÓN CONTINÚAN TRABALLANDO NA NAVE DE PAYDES INCENDIADA ONTE E MANTERÁN UN RETÉN ESTA FIN DE SEMANA
A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, indicou que este mediodía se están realizando traballos de refrixeración e valorou o labor que dende onte realizan os profesionais do Speis de Narón e da Policía Local, reiterando o agradecemento aos que ofreceron a súa colaboración dende outros concellos e organismos
Narón, 24 de xaneiro de 2020. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, desprazouse novamente a primeira hora da mañá ao polígono de Río do Pozo para ver o avance dos traballos que bombeiros do Speis de Narón continúan realizando para extinguir por completo o incendio rexistrado onte á tarde na nave da empresa Paydes, Papeles y Desarrollos, que se logrou controlar na tarde de onte. Ao longo da noite un total de quince efectivos do Speis estiveron traballando na zona e a primeira hora desta mañá desprazábase un retén de dez persoas que continuará durante toda a tarde e tamén haberá un equipo de retén durante a fin de semana. A maiores do problema da temperatura que se rexistra no interior da nave, unha vez que comece a baixar é cando hai maior risco de dilatación da estrutura, con posible risco de colapso e o que iso supón a nivel de seguridade, explicou Ferreiro. Axentes da Policía Local de Narón continúan velando pola seguridade na zona, que está acordonada e co tráfico desviado para non entorpecer os traballos dos profesionais do Speis.
A primeira hora de hoxe aínda se rexistraban focos illados de lume no interior da nave, donde hai moita masa combustible e altamente inflamable. Estanse realizando este mediodía tarefas de refrixeración e a previsión é que os bombeiros poidan acceder ao interior esta tarde dende os laterais e con monitores portátiles, pero faranno no caso de que non supoña un risco para o persoal, priorizando en todo momento a súa seguridade, apuntou Ferreiro. Os traballos realizados na xornada de onte evitaron que o lume se propagase a outras naves industriais localizadas na zona e afortunadamente non houbo que lamentar danos persoais, aínda que os materiais foron moi graves e calcinaron por completo as instalacións desta empresa, asegurou.
Ao longo da mañá estiveron traballando na zona dez efectivos do Speis de Narón e este mediodía estase controlando a coroa de fume, aínda que con pequenos rebrotes pero que en todo momento vixía o persoal do Speis, destacou Ferreiro. A alcaldesa agradeceu o esforzo que realizaron os bombeiros do Speis de Narón, os que estaban no seu turno e tamén aqueles que estando de días libres ou vacacións se incorporaron de inmediato tralo suceso para axudar nos traballos, así como de Protección Civil e a Policía Local da cidade. Así mesmo, Ferreiro destacou a colaboración prestada dende outros concellos e organismos, dende donde varios profesionais se afanaron en apagar o lume durante varias horas e en garantir a seguridade na zona, pechándoa ao tráfico, ou ofrecendo a súa axuda en caso de que fose precisa.
A empresa Paydes, ubicada no sector III do polígono de Río do Pozo ten unha superficie duns 3.000 metros cadrados e adicábase á fabricación de bolsas de papel e plástico, materiais que tamén reciclaba e que estaban almacenados na zona, xunto con outros altamente inflamables, de aí a virulencia do lume durante varias horas.