Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO E AS ANPAS CONVOCAN ÁS FAMILIASA DE ALUMNADO DE CENTROS DE ENSINO DA CIDADE A CHARLAS SOBRE "O USO DAS REDES SOCIAIS" E "O XOGO CON APOSTAS"
O instituto Terra de Trasancos e o colexio Vixe do Mar acollerán estas charlas nos meses de febreiro e marzo, tal e como avanzou a edil de Ensino, Mercedes Taibo
Narón, 29 de xaneiro de 2020. O Concello acolleu esta semana unha xuntanza con membros das directivas das Anpas dos centros de ensino da cidade na que se lles informou sobre os resultados do programa municipal “Fóra de xogo”, pioneiro en Galicia sobre prevención de condutas adictivas sen consumo de substancias. A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, explicou que “a maiores de informar sobre os resultados do programa “Fóra de xogo” tamén se informou ás directivas das Anpas sobre os obradoiros que se están desenvolvendo actualmente sobre esta materia nos centros, un asunto que consideramos de especial interese e do peche do programa deste ano, que culminará cunhas charlas dirixidas ás familias do alumnado independentemente da idade dos seus fillos e fillas”. A edil de Ensino explicou que as temáticas a abordar nas catro charlas programadas serán o “Uso das redes sociais” e “O xogo con apostas”. “A través desta iniciativa, na que dende as Anpas queremos chegar a un maior número de persoas, tratamos de ofrecer dende o Concello aos menores e ás súas familias as ferramentas necesarias para poder detectar e evitar condutas adictivas e problemáticas relacionadas co uso das novas tecnoloxías, unha problemática que lamentablemente está moi presente no día a día entre persoas de diferentes idades e cada vez máis entre rapaces e rapazas en idade escolar”. No instituto Terra de Trasancos terá lugar o vindeiro 18 de febreiro -17.30 horas- unha charla sobre “Uso das redes sociais” e o día 10 de marzo -17.30 horas- a de “O xogo con apostas”. En ambos casos, dende as Anpas convocarase aos pais e nais do alumnado dos colexios Jorge Juan, Ponte de Xuvia, Piñeiros, o CRA, O Feal e os institutos das Telleiras e Terra de Trasancos. Así mesmo, as sesións repetiranse no colexio Virxe do Mar o día 11de febreiro -17.30 horas- “Uso das redes sociais” e o día 3 de marzo -17.30 horas- a de “O xogo con apostas”, se ben neste caso están convocados os colexios Santiago Apóstol, A Gándara, Ayala, A Solaina e Virxe do Mar, tal e como apuntou a edil de Ensino. A pedagoga Anabel Mosquera será a persoa encargada de impartir estas charlas. Na de “Uso das redes sociais” abordarase o tema da legalidade/ilegalidade nas redes, condutas de risco e consecuencias, a cara B das redes (sexting, grooming, ciberacoso…) e códigos morais dentro e fóra das redes. Así mesmo, na de “O xogo con apostas” os asistentes recibirán información sobre as apostas no século XXI: adolescentes ludópatas, o poder da publicidade, factores de protección e de risco, evolución de xogo lúdico-xogo problemático-xogo adictivo. A edil de Ensino agradeceu a colaboración dos centros de ensino e das Anpas polo seu apoio a este programa e a súa axuda en canto á difusión destas charlas e, ao mesmo tempo, dende o Concello animou ás familias a acudir ás mesmas, para tratar de erradicar este tipo de problemáticas, cada vez máis presentes na nosa sociedade e a idades máis temperás.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal