O CONCELLO OFRECE ÁS ENTIDADES DA ZONA RURAL O CURSO DO PROGRAMA CEMIT "USANDO AS NOVAS TECNOLOXÍAS"
A concelleira de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, animou á veciñanza a anotarse nos locais Sociais de Castro, Doso, Sedes, O Val, San Mateo e San Xiao e no da Sociedade Cultural e Recreativa "A Pombiña", en Pedroso
Narón, 11 de febreiro de 2020. As persoas interesadas en realizar o curso Usando as novas tecnoloxías, do programa Cemit e que se convoca dende o Concello na zona rural dispoñen ata o 21 de febreiro para anotarse de balde- nos locais sociais de Castro, Doso, Sedes, O Val, San Mateo, San Xiao e no da Sociedade Cultural A Pombiña, de Pedroso, donde se impartirán. Así o anunciou a concelleira de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, que avanzou que as sesións se impartirán dende principios de marzo ata finais de xuño e serán de dous días á semana, cunha hora e media de clase cada día.
Hermida indicou que se formarán grupos de dez persoas por cada entidade e que é preciso contar cun mínimo de oito para poder realizalos. Continuación da informática básica, redes sociais, manexo eficiente de móbiles e as súas utilidades e o Whatshapp son as áreas que se abordarán neste curso, que ten un total de 50 horas de duración.
Trátase dunha nova actividade para achegar as novas tecnoloxías da información á zona rural, ofrecendo ás veciñas e veciños das parroquias a posibilidade de realizar tamén accións formativas no seu entorno, evitándolles desprazamentos, apuntou Hermida. A edil naronesa animou á veciñanza a achegarse aos locais sociais donde se impartirán, así como á Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña, no caso de Pedroso, para solicitar calquera tipo de información sobre este curso e, no caso de consideralo oportuno, anotarse no mesmo para formarse no uso das novas tecnoloxías.