 O concelleiro de Promoción Económica, David Pita, recordou que as diferentes elaboracións poderán degustarse entre o 21 de febreiro e o 1 de marzo nos establecementos participantesNarón, 13 de febreiro de 2020. Un total de vinte establecementos de hostalería da cidade participarán este ano no Concurso de Tapas de Entroido organizado polo Concello a través do Club Narón Gastronómico. Así o anunciou o concelleiro de Promoción Económica, David Pita, que recordou que esta cita gastronómica, xa consolidada na cidade, se desenvolverá dende o 21 de febreiro ata o 1 de marzo, podendo degustar neste período as diferentes elaboracións presentadas polos hostaleiros locais a este certame.
Os establecementos participantes na convocatoria deste ano son, tal e como indicou Pita, o restaurante A Roldana, a cervexaría Australian, Café Bar Ramil, Casa Sindo, a Estrela do Ponto, Gastrobar Piñeiros, La Cantina, La Continental, La Panadería, La Perfecta, La Salmantina, Mamá Flora, Mesón O Pío, Mestura, Novo O Tapeo, Nueva Orleáns, Nuevo Mercado, Os Cazadores, Silver e 3 Pés. “Nestes establecementos poderanse degustar diferentes elaboracións, doces ou salgadas, a base de produtos típicos do Entroido, nalgúns casos ao mediodía -12.00 a 14.00 horas- ou pola tarde -19.00 a 21.00- unicamente e noutros durante o mediodía e a tarde, según elixiron os propios hostaleiros”, explicou o edil.
Unha das novidades deste ano é que os establecementos tamén teñen a opción de ofrecer as tapas de balde á clientela coas súas consumicións ou cobrar un prezo que non poderá superar os tres euros.
No concurso de Tapas de Entroido haberá premios para os hostaleiros e tamén para a clientela que puntúe as tapas. Nos concedidos polo xurado experto en gastronomía para a valoración da cata a cegas haberá un primeiro premio de 400 euros, un segundo de 250 e un terceiro de 150 euros, todos eles con diploma e detalle conmemorativo. Os premios do xurado popular serán de 300 euros o primeiro, de 200 o segundo e de 100 o terceiro, tamén con diploma e detalle conmemorativo. Así mesmo, a clientela –por valorar as tapas nos establecementos- optará tamén a premios, xa que se sortearán tres ceas para unha persoa e acompañantes por un importe máximo de 150 euros nos establecementos clasificados en primeiro, segundo e terceiro posto e tamén se sortearán dous circuítos de Spa no Odeón Spa Center. O acto de entrega destes premios terá lugar o día 5 de marzo no Concello.
O edil de Promoción Económica agradeceu a implicación dos hostaleiros locais que se sumaron a esta iniciativa e animou ás veciñas e veciños de Narón e doutros concellos a degustar as tapas que se servirán nos citados establecementos do 21 de febreiro ao 1 de marzo, “porque será unha gran oportunidade para coñecer de primeira man o excelente traballo que se realiza dende o sector hostaleiro da localidade, nesta ocasión da man dos participantes e con motivo do Entroido pero que podemos destacar a nivel xeral en todo o sector”.
|