Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O "V FESTIVAL INTERNACIONAL DO MONÓLOGO TEATRAL SINGULAR" CELEBRARASE DO 7 AO 28 DE MARZO CON VARIAS PROPOSTAS CULTURAIS NA CIDADE
A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, presentou o programa xunto coa actriz e produtora Mercedes Castro
Narón, 26 de febreiro de 2020. A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, e a actriz e produtora Mercedes Castro presentaron esta mañá no Café Teatro do Pazo da Cultura o programa da quinta edición do Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular. O Padroado da Cultura organiza un ano máis este evento, que ofrecerá novas propostas e que conta coa colaboración de Redelae, o Agadic, A Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, tal e como indicou Ferreiro. A rexedora local avanzou que o festival, unha das propostas culturais xa consolidadas na cidade, desenvolverase do 7 ao 28 do vindeiro mes de marzo. “Trátase dunha programación cun maior número de espectáculos femininos, un dos sinais de identidade deste festival, no que se prioriza a creación feminina”, asegurou. Así mesmo, Ferreiro anunciou que nesta edición “incluímos unha serie de propostas nas que contaremos coa colaboración de convidados nacionais e internacionais de gran relevancia, da man dos que realizaremos unha serie de propostas dirixidas a diferentes colectivos”. Na mesma liña se manifestou Mercedes Castro, que asegurou que “unha das liñas principais do festival é a creación feminina, sendo a maioría de espectáculos interpretados e escritos por mulleres e con temática feminina, e dos dous interpretados por homes, un deles tamén é de temática feminina”. Os monólogos que forman parte desta edición do festival son “Señora de rojo sobre fondo gris”, con José Sacristán, o 7 de marzo -20.00 horas-, da compañía Pentación Espectáculos; “Helena, xuízo a unha lurpia”, protagonizado por María Barcala, o día 13 -20.30 horas-, de Teatro do Atlántico; “Olympia”, con Ângela Mourâo, o día 14 -20.00 horas- de Teatro Andante (Brasil); “Guerra de identidade”, interpretado por Déborah Vukusic, o 20 -20.30 horas- da compañía galega Deuve; “Autorretrato de un joven capitalista español”, de Alberto San Juan, o día 21 -20.30-, de Teatro del Barrio (Madrid); “O estado cru”, o 27 de marzo -20.30 horas- da galega Iria Sobrado e “La ciudad de las damas”, de Dayana Contreras, que pechará o festival Singular o día 28 -20.00 horas, a cargo da compañía Nueve Norte (Cuba). As entradas poden adquirirse na billeteira do Pazo ou na web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es. A maiores dos monólogos teatrais, o festival ofrecerá outras actividades paralelas, como unha mesa redonda sobre “Circulación internacional de espectáculos teatrais”, o día 13 de marzo no Café Teatro do Pazo da Cultura. Participarán como relatores da mesma, tal e como apuntou Ferreiro, recoñecidos profesionais a nivel internacional do mundo do teatro, como Octavio Arbeláez, director do Festival de Artes Escénicas de Manizales (Colombia), Gustavo Zidán, director da Sala Verdi e coordinador do Centro Cultural Terminal Goes, en Montevideo e Beatriz Quintero, directora executiva da Rede de Produtores Culturais Latinoamericanos, e do Mercado da Música Latinoamericana Circulart, de Medellín. Xunto con eles, participarán tamén destacadas figuras do panorama nacional e galego, como, Ana Belén Santiago, coordinadora de Redelae, Jacobo Sutil, director do Agadic e Xosé Paulo Rodríguez, director do teatro Rosalía de Castro da Coruña. A alcaldesa avanzou que do 13 ao 21 de marzo tamén se desenvolverá a iniciativa “Singulariño”, co obxectivo de involucrar á Escola de Teatro de Narón, tal e como indicou Castro, “e, ao mesmo tempo, darlle promoción ao propio festival”. “Esta iniciativa consistirá en intervencións de monólogos teatrais creados específicamente para este festival e que se levarán a cabo en establecementos da cidade, de quince minutos de duración e que se sucederán en espazos non convencionais para este tipo de espectáculos”, explicou Ferreiro. O programa do V Festival Internacional do monólogo teatral Singular inclúe ademáis un coloquio, sobre “Festival de Mueca. Unha experiencia compartida”, que terá lugar o 14 de marzo no Café Teatro do Pazo da Cultura –de 10.00 a 11.00 horas-. O ponente será Marcelino Martín, director de Mueca, Festival Internacional de Artes en la Calle, de Puerto Santa Cruz (Canarias). Durante aproximadamente unha hora dará a coñecer o Festival de Mueca, un evento internacional de traballo artístico na rúa a nivel nacional e internacional que se caracteriza por ser xestionado entre a administración pública e unha plataforma cidadá que integra empresas, terceiro sector e particulares. A maiores, o día 14 de marzo celebrarase “Vender ao exterior”, unha rolda de negocios con compañías de teatro galegas. O Pazo da Cultura acollerá esta proposta –de 11.30 a 13.30 horas-, na que participarán programadores nacionais e internacionais membros de Redelae e compañías de teatro galego. Esta iniciativa organizouse, explicou Ferreiro, “co obxectivo de abrir un diálogo de coñecemento e ofrecer unha vía a través da que poder ofertar os seus espectáculos para posibles programacións en distintos festivais”. Poderán participar nesta rolda de negocios un máximo de doce compañías, que disporán de dez minutos para ofertar os seus espectáculos. Nesta rolda de negocios participarán, entre outros, recoñecidos directores de festivais internacionais e de salas de teatro, feiras do sector… (de Colombia, Uruguay, Brasil, República Dominicana, Santiago de Chile, Panamá e Costa Rica) como Octavio Arbeláiz, Gustavo Zidán, Marcelino Martín, Beatriz Quintero… e tamén do Festival Mapas (especializado en teatro latinoamericano e africano) de Canarias. As compañías interesadas en participar deben inscribirse –ata o 5 de marzo- na dirección: distribucion@emedous.com A alcaldesa, Marián Ferreiro, animou á cidadanía a acudir ás representacións e actividades programadas nesta edición do Festival para ver en primeira persoa “o excelente traballo que se está realizando en Galicia nesta área e tamén o labor que se desenvolve a nivel internacional, coa oportunidade que representa de compartir experiencias nesta materia”.
Descarga de archivos
Programación
Tamaño:974,27 KB

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal