Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
UNANIMIDADE DA CORPORACIÓN LOCAL NA APROBACIÓN DO EXPEDIENTE DE CONTRATACIÓN DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR
O contrato a licitar incorpora varias melloras e será bianual, por un importe de 5,8 millóns de euros, con posibilidade de prórroga durante dous anos máis
Narón, 27 de febreiro de 2020. A corporación local aprobou esta tarde no pleno por unanimidade o expediente de contratación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cun crédito orzamentario para os dous vindeiros anos de 5,8 millóns de euros e con posibilidade de prorrogalo durante dous anos máis. A concelleira de Benestar Social, Catalina García, explicou que entre as melloras deste novo contrato estarán, entre outras, un prezo por hora de 17 euros máis IVE (era de 14,50); a esixencia á empresa de habilitar unha oficina de atención ao público e xestión en Narón (valorándose que estea preto do edificio do Concello); e tamén que conte cunha bolsa de emprego para axilizar o servizo. A maiores, indicou García, o persoal administrativo, actualmente contratado a media xornada, pasará a ter xornada completa, e ofertaranse máis horas de atención ás persoas usuarias do servizo. “O persoal técnico escoitou a todas as persoas implicadas para adaptar o expediente ás necesidades do servizo”, apuntou a edil naronesa. Ao respecto, tamén se pronunciou a alcaldesa, Marián Ferreiro, que recordou que a efectos de transparencia e para dar participación á cidadanía, abriuse un trámite de audiencia na plataforma municipal “Narón Participa” publicando o informe de necesidade e o borrador de pregos técnicos, aos que se presentaron unha serie de suxerencias de particulares e sindicatos sobre as que emitiu o correspondente informe a xefa do Servizo Sociocomunitario. Ferreiro explicou que ese informe tamén se publicou, “cumprindo así o noso compromiso de realizar os mellores pregos posibles e que no caso de que a Xunta nos conceda máis horas tamén se poderá ampliar”. A maiores da aprobación plenaria do expediente de contratación tamén se deu luz verde aos pregos de prescricións técnicas e administrativas particulares que rexerán o contrato de SAF. Tralo acordo adoptado no pleno procederase a publicar o anuncio que iniciará o procedemento licitatorio no Diario Oficial da Unión Europea e Perfil do Contratante, para abrir un prazo de 30 días para presentar proposicións ao contrato. Na sesión aprobouse un expediente de modificación de créditos por importe de 670.069 euros, destinados maioritariamente, tal e como aclarou o portavoz de Terra Galega, Román Romero, ao pago de facturas de enerxía e gas. Neste punto o edil explicou que os servizos técnicos están traballando para sacar a licitación o concurso dos citados servizos. Así mesmo, a alcaldesa apuntou que facturas que agora se abonarán presentaban algúns erros que se subsanaron ou presentáronse fóra de prazo. No pleno tamén se nomearon aos representantes do Concello no Padroado de Deportes, cuxos titulares serán Román Romero (TEGA); Santiago Galego (PSOE); Estrella Castrillón (PP) e Olaia Ledo (BNG) e aprobouse o nomeamento da “Muller do Ano de Narón 2020”, que será homenaxeada nun acto institucional no transcurso do que se fará público o seu nomeamento. No apartado de mocións, presentáronse dúas relativas ao 8 de marzo, unha do BNG e outra do PP, resultando aprobada a primeira delas coa abstención dos edís populares, lamentando a alcaldesa, Marián Ferreiro o feito de que non saíse adiante unha declaración institucional sobre o 8-M. Na moción do BNG solicitábase recoñecer e apoiar as convocatorias do feminismo galego autoorganizado, maior compromiso da Xunta e do Goberno central en materia de igualdade e apoiar a organización da xornada da comisión da Revolta Popular de marzo de 1918 nos actos vencellados ao Concello. Os grupos municipais de TEGA e PSdeG-PSOE presentaron unha moción, aprobada por unanimidade, para garantir a igualdade de trato entre as parellas de feito e as casadas no acceso á pensión de viuvez, denunciando a discriminación que sofre o primeiro colectivo con respecto ao segundo á hora da percepción das mesmas. A través deste documento esíxese a retroactividade destas modificacións dende a entrada en vigor da Lei 40/2007, o 1 de xaneiro de 2008. O portavoz do PSOE, David Pita, apelou á “necesidade de adaptarse á realidade da situación actual” e asegurou que aínda que a lei de 2007 supuxo un gran avance, “segue a ser discriminatoria, polo que é de xustiza dar este paso para garantir o mesmo trato ás parellas de feito e ás casadas no acceso ás pensións de viuvez”. O PP presentou unha moción para instar ao Goberno central a iniciar os trámites para crear en Narón unha instalación dunha Comisaría Local Grupo 2º para dar resposta ás necesidades da veciñanza, que respaldaron TEGA e BNG e na que se abstiveron os tres edís do PSOE. O portavoz dos socialistas naroneses, David Pita, indicou que “estamos a prol de mancomunar servizos, porque permiten unha maior eficiencia e tamén que estean mellor atendidos”. Neste punto o concelleiro Guillermo Sánchez Fojo, de TEGA, calificou de “tóxica” a moción, preguntándose se “sinten esa necesidade ou están en campaña electoral”. Sánchez Fojo, que culpou aos populares da actual situación da Policía Nacional na comarca de Trasancos, recriminou ao PP que “nos anos 2012 e 2013 as máximas competencias en materia de Seguridade eran do PP e neste tempo baleirouse de policías a comarca, con sesenta axentes menos e na Xunta Local de Seguridade hai máis de nove anos xa nós pedimos esa Comisaría para Narón e o PP dixo que non por motivos económicos, igual que fixo cando hai seis anos pedimos que se puidese tramitar o DNI en Narón dous días á semana facilitando nós un espazo”. Fóra da orde do día aprobouse por unanimidade a proposta de cesión durante dez anos dunha nave en San Xiao a AJE Ferrolterra para habilitar un viveiro de empresas e espazos de coworking. Tamén se aprobou, coa abstención dos edís do PP, a solicitude dunha subvención europea para a rehabilitación da envolvente térmica da nave Irmás Froilaz, na Gándara, por importe de 372.063 euros.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal