Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O ACTOR JOSÉ SACRISTÁN INAUGURA ESTE SÁBADO O "V FESTIVAL INTERNACIONAL DO MONÓLOGO TEATRAL SINGULAR" NO PAZO DA CULTURA
Sacristán protagonizará o espectáculo "Señora de rojo sobre fondo gris", que abre o ciclo de monólogos e actividades que se sucederán ata o 28 deste mes
Narón, 3 de marzo de 2020. O actor José Sacristán será o encargado de abrir o programa da quinta edición do Festival Internacional do monólogo teatral Singular co espectáculo “Señora de rojo sobre fondo gris”. Trátase dunha proposta da compañía madrileña Pentación Espectáculos que se poderá ver no Pazo da Cultura este sábado, día 7, ás 20.00 horas. Este festival, cun programa que inclúe seis monólogos máis, mesas redondas, obradoiros e outras actividades, organízao o Padroado da Cultura en colaboración con Redelae, o Agadic, A Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña. “Señora de rojo sobre fondo gris” é unha adaptación da obra do escritor español Miguel Delibes sobre a que traballou o propio Sacristán xunto con José Sámano (director e produtor do espectáculo) e Inés Camiña. Conta a historia dun pintor que está sumido nunha crise creativa dende que faleceu a súa muller e que o levou a deixar de coller os pinceis. É un monólogo no que se fala da morte e tamén da historia previa, da enfermidade da muller e que responde ás vivencias do propio Miguel Delibes que escribiu tralo falecemento da súa muller. A historia céntrase no verán e outono do ano 1975. As entradas dispoñibles para os espectáculos –para o de José Sacristán están a piques de esgotarse- poden adquirirse na billeteira do Pazo ou na web: www.padroadodacultura.es. Os seguintes monólogos deste festival poderanse ver a vindeira fin de semana: “Helena, xuízo a unha lurpia”, protagonizado por María Barcala, o día 13 -20.30 horas-, de Teatro do Atlántico, e “Olympia”, con Ângela Mourâo, o día 14 -20.00 horas- de Teatro Andante (Brasil). Tamén a vindeira semana, o venres 13, terá lugar a mesa redonda “Circulación internacional de espectáculos teatrais”, entre as 18.00 e as 20.00 horas no Café Teatro do Pazo da Cultura. Participarán como relatores da mesma recoñecidos profesionais do teatro, como Octavio Arbeláez, director do Festival de Artes Escénicas de Manizales (Colombia), Gustavo Zidán, director da Sala Verdi e coordinador do Centro Cultural Terminal Goes, en Montevideo e Beatriz Quintero, directora executiva da Rede de Produtores Culturais Latinoamericanos, e do Mercado da Música Latinoamericana Circulart, de Medellín. Xunto con eles, participarán tamén destacadas figuras do panorama nacional e galego, como, Ana Belén Santiago, coordinadora de Redelae, Jacobo Sutil, director do Agadic e Xosé Paulo Rodríguez, director do teatro Rosalía de Castro da Coruña. Así mesmo, o venres da vindeira semana dará comezo unha nova proposta deste festival, “Singulariño”, na que participará activamente alumnado da Escola de Formación de Actrices e Actores de Narón. Serán eles os protagonistas de monólogos teatrais da súa propia autoría, duns quince minutos de duración, e que se poderán ver en establecementos da cidade. O sábado 14 de marzo haberá un coloquio sobre o “Festival de Mueca. Unha experiencia compartida”, no Café Teatro do Pazo –de 10.00 a 11.00-. O ponente será Marcelino Martín, director de Mueca, Festival Internacional de Artes en la Calle, de Puerto Santa Cruz (Canarias). Durante aproximadamente unha hora dará a coñecer o Festival de Mueca. Tamén na xornada do 14 de marzo celebrarase a rolda de negocios “Vender ao exterior”. A cita será no Pazo –de 11.30 a 13.30-, e na mesma participarán programadores nacionais e internacionais membros de Redelae e un máximo de doce compañías de teatro galegas que disporán de dez minutos para ofertar os seus espectáculos. Á rolda de negocios acudirán recoñecidos directores de festivais internacionais e de salas de teatro, feiras do sector… de Colombia, Brasil, República Dominicana, Santiago de Chile, Panamá... Entre eles estarán Octavio Arbeláiz, Marcelino Martín e Beatriz Quintero… e tamén do Festival Mapas (especializado en teatro latinoamericano e africano) de Canarias.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal