Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO IMPLEMENTA O TELETRABALLO EN VARIOS DEPARTAMENTOS MUNICIPAIS DURANTE A CRISE DO CORONAVIRUS
O sistema de teletraballo xa estaba operativo nalgún departamento municipal e adquiríronse novas licencias para ofrecer maiores garantías de saúde e seguridade, tal e como explicou a alcaldesa, Marián Ferreiro
Narón, 19 de marzo de 2020. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, informou de que un total de vinte e sete funcionarios pertencentes a diferentes departamentos municipais dispoñen de fórmulas de teletraballo para poder acceder dende os seus domicilios aos servizos telemáticos correspondentes ao seu posto de traballo. Nos vindeiros días continuarán desenvolvendo as súas funcións dende os seus domicilios dispoñendo das ferramentas necesarias, “un sistema que manteremos mentres estea en vigor o estado de alarma polo coronavirus e a través do que tratamos de garantir o funcionamento o máis normal posible da administración local en canto á prestación dos servizos públicos e, ao mesmo tempo, ofrecer as máximas garantías de saúde e seguridade aos empregados do Concello e facilitar a conciliación”, explicou Ferreiro. A rexedora local recordou que aínda que no Concello xa se dispoñía con anterioridade de licencias de teletraballo para algún persoal municipal, “incrementouse o seu número trala crise do Covid-19 debido a que a situación actual así o requeríu”. A alcaldesa asinou a resolución na que se contempla a implantación do teletraballo na xornada de onte. “A maiores de ofrecer garantías sanitarias ao persoal municipal, por extensión, o traballo a distancia tamén é unha medida que repercutirá positivamente naqueles casos de persoas con maiores dependentes ou persoal de risco ao seu cargo”, apuntou Ferreiro. Na resolución tamén se contemplan os turnos de traballo do persoal do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (Speis) de Narón, que ao igual que no caso da Policía Local están deseñados para tratar de garantir que en todo momento conten co persoal necesario para desenvolver as súas funcións. En materia de teletraballo, destacou a alcaldesa, “hoxe mesmo tivemos a través de Skipe a primeira reunión a distancia do equipo de coordinación municipal para a prevención do Covid-19, para manter o contacto diario que nos permite realizar un seguemento da situación actual”. A maiores, indicou Ferreiro, “están aqueles casos que polas súas particularidades só poden desempeñar o seu labor de xeito presencial no Concello, como é o de Servizos Sociais, que está entregando vales para cubrir necesidades alimenticias a determinados colectivos”. Outra parte do persoal municipal acude ao Concello dende o pasado luns atendendo a uns turnos preestablecidos cos xefes de cada departamento, dando así continuidade ás súas funcións. Ferreiro explicou que tamén se continúan tramitando, tal e como indicou ao departamento de Intervención tras decretarse o estado de alarma, as correspondentes facturas emitidas por proveedores, “para axilizar na medida do posible o pago polos servizos prestados e tratar de minimizar os problemas que a crise do coronavirus está xerando lamentablemente en moitas empresas, o que repercute directamente nos traballadores e traballadoras das mesmas”. En canto á intensificación dos controis de vixilancia do cumprimento das medidas do decreto do estado de alarma, a Policía Local estivo esta mañá no polígono de Río do Pozo, nas estradas de Castela e A Gándara e na zona de Freixeiro. “Ao longo da mañá realizáronse tres propostas de sanción por incumprimento das medidas de desprazamento en coche ou a pé. É ncesario que a xente se conciencie da importancia de evitar saír das súas casas e, no caso de facelo, sempre dacordo coas medidas estipuladas dende o Goberno central”. Ferreiro apelou novamente á colaboración cidadá para “entre todas e todos nós colaborar para que esta crise non se continúe estendendo, porque todos e cada un de nós somos imprescindibles, cos nosos actos, para contribuír a frear a situación e retomar a normalidade en canto sexa posible e así nolo indiquen as autoridades pertinentes”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal