Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PADROADO DA CULTURA RETOMARÁ O VINDEIRO MES DE XULLO A PROGRAMACIÓN ESTIVAL EN ESPAZOS PÚBLICOS DA ZONA URBANA E RURAL
A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, avanzou que se retoman as iniciativas "Verde que te quero verde", "Cine de verán" e "Xogos populares"
Narón, 3 de xuño de 2020. A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, avanzou que a programación cultural ao aire libre se retomará o vindeiro mes de xullo. “Durante o período estival daremos continuidade a programas que levamos a cabo en anos anteriores e que nos permitirán retomar a actividade cultural no termo municipal, tanto na zona urbana como na rural”. Ferreiro explicou que se trata de propostas “de balde en todos os casos e das que poderán gozar tanto as nenas e nenos como as persoas adultas”. A primeira das citas será a través do programa “Verde que te quero verde”, que alcanza este ano a cuarta edición e que se desenvolverá os catro domingos do vindeiro mes de xullo en prazas e parques da cidade e que, ao igual que en anteriores edicións, tal e como apuntou a presidenta do Padroado da Cultura, incluirá un espectáculo para público xeral e unha actuación específica dirixida a público infantil. Cada unha das propostas dominicais terá unha duración aproximada de media hora e contará cunha decoración escénica propia deste programa, co que os espazos públicos serán un referente donde socializar coas veciñas e veciños, un dos obxectivos desta iniciativa. Nos meses de xullo e agosto tamén se retomará outra proposta cultural, a de “Cine de verán”. “Un día á semana programaremos unha proxección dunha película na zona urbana e rural, prestando este ano especial atención a estes últimos núcleos, para continuar impulsando a programación cultural nas parroquias da cidade”, apuntou Ferreiro. Outra das propostas será a de “Xogos populares”, que se prevé levar a cabo a partir do mes de agosto tamén en espazos públicos da cidade. As nenas e nenos poderán gozar de diversos xogos como malabares, catro en liña, pesca de botellas, a rá…. e tamén de obradoiros guiados por monitores que lles aprenderán como realizar algúns elementos que poderán levar para as súas casas. “É unha excelente oportunidade para que os menores compartan xornadas de diversión e xogo con outras nenas e nenos pero tamén con persoas adultas que coñecen este tipo de xogos tradicionais que queremos continuar fomentando dende o Padroado da Cultura”, asegurou Ferreiro. “En todos os casos se ofrecerán as máximas garantías de seguridade que correspondan según cada actividade para cumprir coas recomendacións de seguridade e sanitarias”, subliñou a presidenta do Padroado da Cultura, ao tempo que avanzou que nos vindeiros días se concretarán estas tres propostas culturais que se levarán a cabo durante o verán.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal