Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A FORMACIÓN CACHAS&COUSINS E BRAIS DAS HORTAS INAUGURAN ESTE DOMINGO EN XUVIA A CUARTA EDICIÓN DO PROGRAMA "VERDE QUE TE QUERO VERDE"
O Padroado da Cultura organizou este programa, con espectáculos de balde cada domingo de xullo a partir das 12.30 horas e en espazos públicos da cidade
Narón, 3 de xullo de 2020. A Praza Irmáns Freire, en Xuvia, acollerá este domingo, día 5, os dous primeiros espectáculos da cuarta edición do programa municipal “Verde que te quero verde”, impulsado polo Padroado da Cultura. A formación compostelá Cachas&Cousins e Brais das Hortas serán os encargados de protagonizar a primeira sesión, que dará comezo ás 12.30 horas. O público infantil gozará coa música e o humor de Brais das Hortas, un profesional que traballou con varios grupos como músico, clown e tamén como compositor e que traerá a Narón o espectáculo “Da eira cantareira”, no que repasa co público recoñecidas cancións e contos do seu repertorio, que combina a tradición coa modernidade. Pola súa banda, a formación Cachas&Cousins, de Santiago de Compostela, ofrecerá ao público adulto cos seus sete músicos, varios temas clásicos da escena rocksteady xamaicana e tamén outros reggae. A programación de “Verde que te quero verde” continuará o día 12 de xullo na zona verde localizada na rúa 25 de Xullo, no Alto. Nesa ocasión, Nastasia Zurcher e Xoán Curiel serán os encargados de amenizar a xornada cos seus espectáculos musicais. O de Curiel orientado ás nenas e nenos e centrado na música galega, combinando varios estilos e sintonizando coa onda do Xabarín. Pola súa banda, Nastasia Zurcher interpretará varias cancións do seu repertorio, fusionando diferentes estilos e sempre cunha característica pegada persoal e pegadizos estribillos co inglés como idioma protagonista pero amosando a súa faceta máis francófona e galega. O día 19 de xullo terá lugar o espectáculo programado na Rúa Francisco Pizarro, no barrio da Solaina, ata donde chegarán a música e o humor de Pakolas, que contará varias historias fantásticas protagonizadas por animais, e tamén se poderá gozar dos temas da música tradicional galega de Oîma, que presentará en Narón o seu primeiro traballo, “Alá!”. Finalmente, o día 26 de xullo terán lugar os dous últimos espectáculos do programa “Verde que te quero verde”, no parque da rúa Mariña Española, nas Vivendas da Mariña. Antonio Lizana Trío trasladará nunha viaxe ao público a través da súa música, na que profundiza no estilo flamenco e María Faltrí e Jorge Juncal presentarán un amplo repertorio de cancións que animarán aos asistentes. Dende o Padroado da Cultura de Narón recordaron que se trata de espectáculos de balde para que poidan gozar deles as veciñas e veciños, que deben acudir cumprindo todas as medidas establecidas polas autoridades sanitarias pola crise da Covid-19.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal