Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO REPARTIRÁ MANTEIS INDIVIDUAIS ENTRE OS ESTABLECEMENTOS HOSTALEIROS E CARTEIS NOS COMERCIOS CON DEBUXOS REALIZADOS POR RAPAZAS E RAPACES DE NARÓN
Os edís de Seguridade Viaria, Román Romero, e Promoción Económica, David Pita, presentaron esta mañá a iniciativa, que inclúe un agasallo para as nenas e nenos que atopen as súas ilustracións
Narón, 14 xullo de 2020. Os concelleiros de Seguridade Cidadá, Román Romero, e Promoción Económica, David Pita, presentaron esta mañá os manteis e a cartelería realizados con debuxos de rapazas e rapaces de Narón e que se repartirán entre o sector hostaleiro e comercial da cidade. En total, según explicaron, realizáronse 10.000 manteis individuais –dezasete modelos- de papel reciclado que se utilizarán nos establecementos de hostalería da cidade e 150 carteis, tamén con eses debuxos –oito modelos- que se poderán ver en comercios de Narón. A iniciativa xurdiu durante o curso que acaba de rematar, no Consello de Participación Infantil, no que están representados todos os centros de ensino da cidade. A proposta centrouse na elaboración de debuxos e mensaxes de recomendacións ou boas prácticas sobre temáticas relacionadas coa educación viaria, o medio ambiente, igualdade e, trala situación sanitaria pola Covid-19, tamén sobre o coronavirus. “O traballo das aulas, tras decretarse o estado de alarma, trasladouse ás redes sociais e os escolares enviaron as súas propostas ao Concello para reunilas e, unha vez rematado o prazo, plasmar eses debuxos e mensaxes nos manteis e nos carteis”, explicou Román Romero. Pola súa banda, David Pita asegurou que “se trata dunha iniciativa pensada para o comercio e a hostelería da cidade, dous sectores que sufriron os efectos desta pandemia e aos que entregaremos este material para darlle difusión entre as nosas veciñas e veciños”. A municipalidade de Heredia, coa que o Concello de Narón ten asinado un convenio de colaboración, tamén se implicou nesta proposta, enviando algún debuxo realizado por nenas e nenos de Costa Rica. Os edís naroneses agradeceron o traballo realizado polos escolares da cidade e tamén o apoio dos menores de Costa Rica a esta proposta. No caso da cidade, a modo de recoñecemento, “queremos que localicen os seus debuxos nos manteis ou na cartelería que nos vindeiros días se poderá ver nos establecementos da cidade e que o comuniquen ao departamento de Educación Viaria de Narón, que coordinou este proxecto. Unha vez localizado poden dirixirse á dirección de correo electrónico: seguridadevial@naron.es ou chamar aos números de teléfono 600 448 730 ou 666 438 222, e recibirán un agasallo sorpresa”, explicou o edil de Seguridade Cidadá. Pola súa banda, o concelleiro de Promoción Económica indicou que “esta mesma semana empezaranse a repartir os manteis entre os restaurantes de Narón e os carteis levaranse á Asociación de Comerciantes da cidade, para que os distribúa entre os seus asociados, se ben poderán tamén solicitarse no Concello, a través dos números de teléfono indicados ou do mail de Seguridade Vial”. Romero e Pita animaron á veciñanza de Narón e doutros concellos “a comprobar por eles mesmos nos locais de hostalería e comercios o gran traballo e as importantes mensaxes que trasladaron as rapazas e rapaces que participaron nesta iniciativa”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
naron.gal