Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO CONVOCA CURSOS EN LIÑA SOBRE "EMPRENDEMENTO COOPERATIVO", "CULTURA FINANCIEIRA" E "PLAN DE EMPRESA"
Os cursos, para os que está aberto o prazo de inscrición, desenvolveranse telematicamente entre os meses de setembro e outubro, tal e como avanzou o edil de Promoción Económica, David Pita
Narón, 14 de agosto de 2020. O concelleiro de Promoción Económica, David Pita, presentou esta mañá tres cursos en liña para o emprendemento organizados polo Concello naronés e subvencionados pola administración autonómica (en colaboración coa Rede Eusumo de Galicia) e o Fondo Social Europeo. Trátase de formación de balde, dirixidos a público en xeral pero para cuxa participación terán prioridade as mulleres, as persoas desempregadas, en risco de exclusión social ou vencelladas á economía social, tal e como avanzou o edil naronés. “Trátase duns cursos encamiñados a fomentar o cooperativismo para impulsar a creación de novas empresas no concello”, apuntou Pita. O edil naronés explicou que os cursos convocados, con trinta prazas en cada un deles, son de “Aprender a emprender. Formación para o Emprendemento cooperativo”, que terá lugar entre o 15 de setembro e o 13 de outubro; “Cultura financieira e finanzas éticas para o emprendemento”, do 22 de setembro ao 19 de outubro, e “Como elaborar un Plan de Empresa cooperativa”, do 29 de setembro ao 27 de outubro. “A finalidade dos cursos é dar a coñecer como constituír unha empresa cooperativa, as súas características, ver a posible rendabilidade das propostas…”, explicou. O curso sobre “Aprender a emprender. Formación para o emprendemento cooperativo” terá unha duración total de 60 horas e ten entre os seus obxectivos analizar o perfil da persoa emprendedora, describir a estrutura dunha empresa cooperativa, cos trámites precisos para poñela en marcha, e ofrecer ao alumnado unha serie de pautas e nocións básicas para describir correctamente unha idea de negocio e analizar as súas potencialidades. Outra das propostas é sobre “Cultura financieira e finanzas técnicas para o emprendemento”, tamén de 60 horas de duración e na que, avanzando na creación dunha cooperativa, se aprenderán os conceptos básicos sobre o funcionamento dunha economía, as decisións económicas dunha empresa, os diferentes mercados, produtos e intermediarios financieiros… e, en definitiva, a familiarizarse co funcionamento dunha economía moderna. Por último, o curso sobre “Como elaborar un Plan de empresa cooperativa”, que ao igual que os dous anteriores terá unha duración de 60 horas, ten entre os seus obxectivos incidir na utilidade e importancia dun Plan de empresa cooperativo e capacitar ao alumnado para a súa creación, así como ofrecer os conceptos clave e as ferramentas para realizar plans de mercadotecnia, económico-financieiro, producción e de recursos humanos dun xeito práctico e profesional. “Dende o concello consideramos que é moi importante fomentar a sociedade cooperativista, que cremos que é unha modalidade de empresa que ten moitos beneficios para a sociedade e un valor engadido de que permite incrementar o tecido empresarial na cidade”, indicou Pita. O concelleiro recordou que Narón “conta xa cunha traxectoria no que respecta ao cooperativismo, polo que é importante seguir incentivándoo e traballar nesta liña”. Pita confiou en que esta iniciativa “teña moito éxito e que de aí poida crearse algunha nova cooperativa que permita o asentamento de empresas na nosa cidade e xerar novos postos de traballo”. As persoas interesadas en inscribirse deben cubrir un formulario ao que poderán acceder dende o enderezo: cursosnaron.formacionenrede.com.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal