Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO RENDIU UNHA HOMENAXE ÁS FAMILIAS QUE SOFREN UNHA MORTE XESTACIONAL OU PERINATAL
O acto tivo lugar no cemiterio municipal de Narón, lugar elixido para realizar a plantación do teixo, que levaron a cabo representantes de Bolboretas no Ceo Norte
Narón, 15 de outubro de 2020. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e outros representantes da corporación local e da asociación Bolboretas no Ceo Norte acudiron esta mañá ao acto organizado polo concello, coa colaboración da mencionada entidade, para rendir unha homenaxe ás familias que sofren unha morte xestacional ou perinatal. A rexedora local anunciou a pasada semana a iniciativa, que consistiu na plantación dunha árbore, un teixo, e o descubrimento dunha placa en recordo do colectivo. O acto tivo lugar no cemiterio municipal de Narón, lugar elixido para realizar a plantación do teixo, que levaron a cabo representantes de Bolboretas no Ceo Norte. Xunto a esta árbore, as familias que sufrisen unha morte xestacional ou perinatal poderán colocar pequenas pedras co nome das súas fillas e fillos falecidos durante o embarazo o parto ou ao pouco tempo de nacer. O obxectivo desta iniciativa é que esas familias dispoñan dun lugar ao que poder acudir para recordar ás súas fillas e fillos, tal e como reivindicaban dende a asociación Bolboretas no Ceo Norte. Na placa colocada no cemiterio, nas inmediacións do teixo –especie que simboliza a eternidade- pódese ler unha mensaxe dirixida ás familias: “Eternamente no meu corazón porque te levo gravado/a na miña alma”. En memoria de todos os bebés que morreron durante a xestación, o parto ou ao pouco de nacer. Ferreiro recordou no transcurso do acto o gran labor que asociacións como Bolboreta no Ceo Norte desenvolven coas familias que sofren unha morte xestacional ou perinatal. “Á gravidade de ter que vivir un duelo moi difícil nestes casos, quizáis imposible de superar pero co que deben convivir, súmase a incomprensión da sociedade en moitas ocasións con este tipo de traxedias, por iso dende o Concello queremos rendirlles hoxe unha sentida homenaxe a esas familias que perden aos seus fillos antes de nacer ou ao pouco tempo de facelo e dicirlles que neste cemiterio municipal teremos sempre no recordo ás súas fillas e fillos cada vez que vexamos a árbore que dende hoxe medrará neste lugar”, indicou a alcaldesa. Así mesmo, entre as iniciativas impulsadas dende o Concello dirixidas ao colectivo está a iluminación, dende esta noite e ata o vindeiro domingo, da glorieta de Freixeiro de cor rosa e azul.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal