Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO REORGANIZA ESPECTÁCULOS E ACTIVIDADES PROGRAMADOS PARA ADAPTALOS ÁS NOVAS MEDIDAS PREVENTIVAS DA COVID-19
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu esta mañá varias xuntanzas con diferentes departamentos para adaptar a programación e actividades á nova normativa
Narón, 22 de outubro de 2020. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu a primeira hora da mañá unha reunión para abordar as novas restricións recollidas no Diario Oficial de Galicia de hoxe debido ao avance da situación epidemiolóxica derivada da Covid-19. Persoal do Speis e responsables de diferentes áreas municipais, así como dunha empresa de Prevención, acudiron ás convocatorias que se foron sucedendo ao longo da mañá para determinar as medidas que se aplicarán nos vindeiros 14 días. “Realizamos unha avaliación das restricións sanitarias contempladas nesa nova Orde da Xunta de Galicia para proceder á súa inmediata implantación tanto nas actividades como nas instalacións municipais”, asegurou Ferreiro. Na xornada de mañá venres estaba programado no Pazo un concerto de Guadi Galego, ás 20.30 horas, que se posporá para o día 18 de decembro e a representación da obra “Jauría”, que ía ter lugar este mesmo sábado ás 20.00 horas, aprazouse ata o 19 de decembro. En ambos casos, as persoas que xa teñan adquiridas ou reservadas as entradas poderán utilizalas para esas novas datas e no caso de que desexen cancelalas poderán solicitar o reembolso do importe das mesmas dende hoxe, e nos vindeiros dez días, que se procederá a abonar no mesmo método de pago realizado. Mantense o espectáculo para público familiar e infantil “Contos ao pé da cama”, este domingo ás 18.00 horas e tamén os programados para a vindeira semana, para os que se solicitará a pertinente ampliación de aforo. Así mesmo, no Padroado da Cultura tamén se procederá a aplicar novas medidas para o desenvolvemento das actividades das Escolas Culturais Municipais nas condicións que indican as novas medidas sanitarias e así se comunicará tanto aos monitores e monitoras como ao alumnado das mesmas. As Escolas Culturais Municipais continuarán a súa actividade atendendo ás novas medidas decretadas, adaptándose os seus aforos os vindeiros 14 días ás novas indicacións da Xunta. En canto ao Padroado de Deportes, as novas medidas implican tamén a reorganización as sesións de ioga, ximnasia de mantemento e pilates que estaban desenvolvéndose. Así mesmo, as actividades deportivas non federadas tamén serán obxecto dos cambios que procede aplicar para o seu correcto desenvolvemento e así se comunicará a todas as persoas inscritas nas mesmas dende o Padroado de Deportes. A alcaldesa recordou que tralo fin do estado de alarma e a reapertura progresiva das diferentes actividades “dende o Concello realizouse unha intensa labor para difundir as medidas de autoprotección entre a veciñanza e para adaptar os espazos e actividades municipais ás indicacións sanitarias vixentes en cada momento”. Co inicio do curso escolar e a activación das actividades nos Centros Cívicos Sociais e das deportivas “realizouse un novo esforzo para adaptar espazos e actividades aos requerimentos das autoridades sanitarias, elaborando os pertinentes plans de continxencia fronte á Covid-19”. Así mesmo, Ferreiro indicou que antes de iniciarse o curso escolar tamén se convocaron reunións coas entidades veciñais e clubs deportivos para recoller as súas demandas e divulgar os plans de continxencia de cada unha das instalacións das que fan uso. Unhas reunións que, explicou, tamén se levaron a cabo con monitoras e monitores das actividades impulsadas dende o Concello “co fin de mellorar, entre todas e todos, a eficacia dos protocolos contidos nos plans”. Á vista das novas medidas tamén se contactará coas entidades sociais, culturais e deportivas co fin de informalas sobre esas modificacións que se aplicarán dende hoxe adaptando os plans xa implantados ás novas indicacións feitas públicas esta madrugada. En canto a equipamentos municipais a rexedora local tamén anunciou que non se poderán utilizar os parques entre as 00.00 e as 11.00 horas durante os vindeiros 14 días. Sobre os mesmos Ferreiro recordou que dende o pasado mes de marzo continúan desenvolvéndose os traballos de desinfección destes espazos –cada día entre as 07.00 e as 11.00 horas-, así como o das rúas da cidade e resto de instalacións municipais, colexios… que se reforzou nos últimos tempos.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal