A ALCALDESA PRESENTOU NA MANCOMUNIDADE O "PLAN DE ACTUACIÓN ANTE CASOS OU CONTACTOS COVID-19"
Marián Ferreiro explicou que o documento elaborouse a través da Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias e baséase na experiencia de Narón, donde xa está operativo
Narón, 9 de novembro de 2020. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presentou esta tarde no transcurso da reunión da Mancomunidade de Concellos de Ferrol, o Plan de actuación ante casos ou contactos Covid-19 que xa se aplica en Narón. O documento, elaborado a través da Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, “tenta servir como modelo para que outros concellos poidan implantalo ante casos ou contactos por coronavirus en instalacións municipais con persoal propio ou alleo”, explicou Ferreiro.
A rexedora local indicou que o modelo baséase na experiencia de Narón, “polo que no caso de que algún concello estea interesado no mesmo sería preciso adaptalo á situación de cada un deles”. Para realizar estas adaptacións ofrécese a colaboración precisa dende a Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, dende donde aclararán as posibles dúbidas que poidan xurdir nese proceso de adaptación, tal e como indicou a alcaldesa de Narón.
“A través deste protocolo contémplanse as liñas de actuación en casos ou contactos de Covid-19 tanto no persoal do Concello como de empresas concorrentes, clubs e entidades que habitualmente fan uso de instalacións municipais, co fin de frear posibles contaxios”, indicou Ferreiro. O documento contén unha serie de obxectivos, entre eles a creación do Comité Covid-19 en cada un dos municipios nos que se implante, integrado por unha persoa á fronte, como director do Plan e máximo responsable que sería a alcaldesa ou alcalde. Así mesmo, contaría cun equipo de responsables das diferentes áreas para coordinar en conxunto as diferentes actuacións a levar a cabo, valorando a situación en cada momento, e realizando as comunicacións que se estimen oportunas, segundo explicou Ferreiro.
O Plan de actuación ante casos ou contactos Covid-19 de Narón acompáñase dunha serie de fichas técnicas que explican como actuar en caso de manifestación de síntomas; nos de contacto estreito con posible caso aínda que non se manifesten síntomas; nos contactos casuais con posibles casos aínda que non se manifesten síntomas; naqueles sospeitosos dunha persoa traballadora dunha empresa concorrente ou club/asociación usuarios de instalacións con traballadoras ou traballadores municipais e, finalmente, o modo de actuación en caso de detectarse gromos.