Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO PROGRAMA EN COLABORACIÓN CO GALP GOLFO ÁRTABRO NORTE DIVERSAS ACTIVIDADES DO PROXECTO "NARÓN, PRODUTOS DA RÍA"
O edil de Promoción Económica, David Pita, indicou que os representantes do sector hostaleiro local interesados en participar poderán facelo, de balde, anotándose previamente
Narón, 18 de novembro de 2020. Ao longo dos meses de novembro e decembro, o Concello de Narón desenvolverá unha serie de actuacións dirixidas á promoción do sector da hostalería e a poñer en valor a riqueza deste territorio e, nomeadamente, a da nosa ría, a través do proxecto “Narón, produtos da ría”. O edil de Promoción Económica, David Pita, asegurou que “temos unha ría moi rica en especies comerciais de gran calidade. Queremos seguir poñendo en valor as nosas potencialidades e para iso é imprescindible artellar as accións en estreita colaboración co sector hostaleiro naronés, cun alto grao de participación nas diferentes actividades propostas formuladas por parte da institución local’. O plan de acción reorientouse e adaptouse ao contexto da Covid-19 por prevención e seguridade, reformulando as propostas e as actuacións promocionais do sector, incluíndo ítems comunicacionais dirixidos aos diferentes públicos obxectivos. A acción máis inmediata desenvolverase a partir da vindeira semana e consistirá na gravación de varias vídeo-receitas coas propostas preparadas in situ polos responsables de cociña de distintos establecementos naroneses que se queiran sumar á iniciativa, podendo anotarse ata o 26 de novembro. A finalidade é a produción dun audiovisual que permitirá ofrecer a mellor imaxe posible do sector, en base aos produtos da ría a exaltar nesta edición 2020 que son a ameixa rubia, o berberecho, o carneiro, a ostra salvaxe e a zamburiña. Ademais dos cociñeiros locais, participarán nesta gravación de cara ao produto audiovisual final dous cociñeiros de recoñecido prestixio: Beatriz Sotelo e Iñaki Bretal, influíntes chefs galegos que achegarán a súa creatividade. A segunda acción a desenvolver é un Concurso de Receitas dirixido á poboación en xeral, de cara a impulsar a cociña autóctona a través dos produtos de calidade do mar, nomeadamente os cinco produtos estrela antes nomeados que protagonizan a campaña. Poderán presentarse ao certame afeccionados á cociña, que deberán enviar unha receita por persoa, utilizando algún deses mariscos da ría como ingrediente principal. A receita cos ingredientes e a preparación descrita deberá entregarse dende mañá ata o 3 de decembro. Na valoración das receitas terase en conta a dificultade, o número de ingredientes, a orixinalidade ou a presentación e o emprego das máximas e dos obxectivos propostos polo concurso. De entre todas as receitas recibidas, os autores das seis finalistas recibirán seis bonos-agasallo consistentes noutros tantos menús degustación por valor de 60 euros cada un, a consumir nos establecementos participantes no apartado audiovisual. Todos os participantes recibirán un agasallo e entrarán no sorteo de varios lotes de produtos frescos das confrarías. Como remate da campaña de promoción, desenvolverase o foro "A produción marisqueira na ría" o venres 4 de decembro de 17.30 a 18.30 horas no Café Teatro do Pazo da Cultura, ata completar o aforo do Pazo. Neste caso farase en formato reducido e emitido en “streaming”, coa participación como relatores de profesionais do sector, biólogos, confraría e mariscadores, e un representante da Estación de Bioloxía Mariña da Graña. A inscrición para participar en calquera das tres actividades, de balde, faise a través do teléfono 981 337 700 (extensión 1316) ou o do correo electrónico: promocioneconomica@naron.es.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal