Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
UNANIMIDADE DA CORPORACIÓN LOCAL NA APROBACIÓN DO REGULAMENTO DE MODALIDADES DE TRABALLO PARA O FOMENTO DO TELETRABALLO NO CONCELLO
Na sesión celebrada esta tarde saíu adiante unha declaración institucional sobre o Día Internacional contra a violencia de xénero
Narón, 26 de novembro de 2020. Na sesión plenaria desta tarde aprobouse de xeito definitivo e por unanimidade o Regulamento de Modalidades de traballo para o fomento do teletraballo no Concello de Narón, que ten entre os seus obxectivos acadar un modelo diferente de servizo público na administración no que se optimice a relación entre o tempo e o traballo e que contribúa a facilitar a conciliación da vida persoal e familiar. De igual xeito, ante situacións como a pandemia sanitaria da Covid-19 esta modalidade concíbese tamén como unha vía preventiva de posibles contaxios. Na normativa aprobada especifícase que o obxecto do teletraballo é establecer formas de organización do traballo que permitan acadar modalidades de prestación de servizos diferentes á presencial, fóra das dependencias da administración utilizando as novas tecnoloxías da información e comunicación. Poderá acollerse ao sistema de teletraballo persoal funcionario e laboral que preste servizos no Concello ou organismos dependentes e cuxo posto sexa susceptible de desempeñarse a través desta modalidade. No regulamento especifícase o procedemento de acceso ao teletraballo, os requisitos, organización, sistema de control horario, entre outros, como o sistema de acceso, a solicitude do/a empregado/a ou por necesidades do servizo e con carácter voluntario e reversible. O Regulamento entrará en vigor ao día seguinte de publicalo no BOP. A corporación local levou ao pleno unha Declaración Institucional do 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero. Todos os grupos políticos representados no Concello manifestaron o seu compromiso a través deste documento como administración pública “para liderar a loita contra a violencia machista mediante accións dirixidas a promover a igualdade entre mulleres e homes, como un valor incuestionable para unha sociedade que se sustenta sobre o dereito irrenunciable á igualdade e dignidade de todas as persoas”. A través desta declaración institucional a corporación local insta á Xunta e ao Goberno do Estado a incrementar os recursos económicos destinados a loitar contra a violencia machista nos orzamentos de 2021 e dotar de recursos para prevención e tratamento integral da violencia de xénero, así como co Pacto de Estado contra a violencia de xénero. A modificación da lei avanzando nunha definición de violencia machista máis alá do enfoque patriarcal e reduccionista que a limita ao ámbito familiar e de parella, a mellora dos puntos de encontro coas crianzas e a posta en marcha dende as autoridades sanitarias de mecanismos para manter a seguridade sanitaria nas casas de acollida son outras das demandas. No apartado de mocións aprobouse a presentada polo PSOE para instar á Xunta a elaborar un novo modelo eólico integral no que participen todos os sectores implicados e que contemple unha serie de propostas nos ámbitos económico, de transparencia e participación, ambiental, e da planificación en coordinación co goberno do Estado. A maiores aprobouse por unanimidade unha moción do PP instando ao goberno a ingresar as contías do IVE non liquidadas correspondentes ao exercicio de 2017 -405.551 euros, segundo se recolle no documento- como consecuencia da implantación do Suministro Inmediato de Información. Na mesma, cunha enmenda presentada polo PSOE tamén se insta á Xunta a habilitar un fondo para entidades locais pola Covid-19 e ao Goberno central a un fondo extraordinario con este mesmo fin, entre outros puntos. Saíu tamén adiante na sesión unha moción do BNG instando á Xunta a demandar do Goberno central a reposición de servizos de tren suprimidos, un plan de mellora ferroviaria e a creación do ente ferroviario galego. A este documento engadiuselle unha enmenda presentada polo PP para reclamar a coordinación entre Renfe e Alsa, a potenciación dun tren de proximidade na comarca e a construción dun apeadoiro na Gándara, entre outras medidas. Finalmente, acordouse que a moción do PSOE e BNG sobre a defensa da Memoria Histórica Democrática, á que se lle engadiu unha enmenda presentada polos populares, saíse adiante como declaración institucional. Ao remate da sesión a corporación local amosou o seu apoio ao pobo saharaui tras darse por rematado o cesamento do fogo con Marrocos. Dende o Concello incidiuse na necesidade de normalizar a situación do Sáhara Occidental e de defender a súa liberdade.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal