Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO INICIA UN PROGRAMA DE ACTIVIDADES DE NADAL NA LUDOTECA DA SOLAINA E NA BIBLIOTECA DO ALTO
A concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, explicou que as propostas comezan hoxe nestas instalacións municipais e animou ás nenas e nenos a participar nas mesmas
Narón, 21 de decembro de 2020. A Ludoteca municipal da Solaina acolle dende hoxe a programación especial de Nadal, cunha gran variedade de actividades dirixidas a menores de 2 a 12 anos e que se desenvolverán ata o 30 de decembro. A concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, explicou que con motivo do inicio das vacacións escolares as instalacións, ubicadas no número 2 da rúa Cardenal Cisneros, na Solaina, terán novamente actividades en horario de mañá, agás hoxe e mañá que serán pola tarde e os días 24 e 31, que permanecerás pechadas. As persoas interesadas poden solicitar máis información chamando ao número de teléfono 981 389 284. A Ludoteca abrirá esta tarde para levar a cabo actividades artísticas entre as 16.15 e as 18.00 horas, que consistirán no obradoiro “Artesanías do Nadal”. Os menores utilizarán materiais de refugallo, elementos da contorna e produtos de uso cotián para elaborar adornos de Nadal. Na xornada do mércores 23 programáronse dúas propostas, entre as 10.15 e as 12.00 horas. Taibo avanzou que unha delas consistirá no obradoiro “Lembranzas do Nadal”, no que se crearán postais de diferentes estilos e a outra, indicou, será “Os contos do Nadal”, unha sesión de contacontos de historias relacionadas co Apalpador e outras personaxes da literatura infantil. A vindeira semana retomarase a programación da Ludoteca da Solaina o luns, tamén de 10.15 a 12.00 horas, co obradoiro “Rememorando o noso ano”, de composición de adornos e accesorios cos que elaborarán un photocall que empregarán as usuarias e usuarios das instalacións. O martes 29, de 10.15 a 11.30 horas, desenvolverase o obradoiro “Doce lembranzas doces”, no que as nenas e nenos redactarán un pequeno diario ou unha carta na que resumirán o seu paso por este ano e que esperan do 2021. A continuación, de 11.45 a 13.00 programouse unha sesión de cine, na que se proxectará a película “Polar Express”. Finalmente, o mércores 30 haberá unha pequena celebración de fin de ano cos usuarios e usuarias da Ludoteca. “Todas estas propostas realizaranse seguindo en todo momento as indicacións sanitarias e están pensadas para potenciar a creatividade das nenas e nenos, ensinándolles a empregar materiais de refugallo, reciclándoos e dándolles unha nova vida, e achegalos tamén a través destes obradoiros á cultura tradicional galega”, explicou Taibo. En canto á Biblioteca municipal a edil naronesa explicou que dende hoxe mesmo comeza a proposta “Préstamos sorpresa 2020”. “Esta iniciativa alcanza este ano a súa sétima edición e diríxese a nenas e nenos con espíritu aventureiro e que cando leven material para a casa queiran elixir un dos lotes que hai preparados, atendendo ás idades, e dos que descoñecerán o contido”, explicou. A idea é que o menor non abra o lote ata chegar á casa e así atopará contos, libros didácticos, películas, música… seleccionados polo persoal da Biblioteca e que debe ler/ver ou escoitar para logo escribir unha nota indicando se lle gustou ou non o material seleccionado. Poderase participar ata o 2 de xaneiro, se ben nas xornadas do 24 e o 31 de decembro, ademais dos festivos, a Biblioteca permanecerá pechada ao público, tal e como recordou Taibo.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal