Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO DESTACA O ÉXITO DAS CAMPAÑAS DE RECOLLIDA DE XOGUETES, BICIS, PATINETES, LIBROS E A ENTREGA DE VALES DE COMPRA PARA AXUDAR ÁS FAMILIAS MÁIS VULNERABLES
Dende o goberno local naronés agradeceuse a implicación de todas as persoas que participaron nestas campañas
Narón, 2 de xaneiro de 2021. O Concello de Narón impulsou varias iniciativas o pasado mes de decembro encamiñadas a reunir xoguetes, bicicletas, patinetes e libros para que as nenas e nenos de familias vulnerables da cidade poidan ter o día de Reis os seus propios agasallos. Unha das primeiras iniciativas foi a que se levou a cabo coa asociación Centro de Recursos Solidarios de Narón para entregar xoguetes e na que colaboraron as xogueterías locais Din Don, a do Hiper Froiz, O Muíño do Fabal e Todo Ocio Lego. Neses catro establecementos da cidade instaláronse unhas huchas nas que as veciñas e veciños depositaban doazóns para adquirir xoguetes e nas que se reuniron 1.300 euros. A maiores, algunhas persoas decidiron doar eles mesmos os propios xoguetes, novos, recollendo un total de oitenta. Rematada a campaña, dende a Asociación Centro de Recursos Solidarios de Narón avanzaron que investirán outros 2.400 euros na compra de xoguetes para entregar tamén ás nenas e nenos de familias vulnerables. “Quero agradecer a colaboración destas catro xogueterías da cidade e de todas esas persoas que fixeron máis sinxelo o traballo dos paxes reais para que todas as nenas e nenos de Narón poidan ter os seus xoguetes o día de Reis”, asegurou a concelleira de Benestar Social, Catalina García. Outra das áreas municipais que participou nesta campaña foi a de Bibliotecas, presidida pola edil Mercedes Taibo e dende a que se organizou unha recollida de libros infantís e xuvenís para repartir tamén dende o Centro de Recursos Solidarios. A edil naronesa indicou que en total se seleccionaron 413 libros, dos que se entregarán inicialmente ao Centro de Recursos Solidarios 164, atendendo ao número de posibles usuarias e usuarios. Do total desa entrega, 25 publicacións serán para menores de 0 a 3 anos; outras 25 para os de 3 a 6; 30 para os de 6 a 9; 43 para os de 9 a 12 e as 41 restantes para os de 12 a 14 anos, tal e como avanzou Taibo. A edil valorou a implicación das veciñas e veciños nesta campaña e explicou que “os 249 libros que nos quedan desta campaña e que xunto cos outros gardaron a corentena para cumprir as medidas sanitarias, entregarémolos no caso de que se precisen máis, para que ningunha nena ou neno das familias que se atenden dende o Centro de Recursos Solidarios queden sen un libro este Nadal, e no caso de non precisalos gardarémolos para futuras iniciativas nesta mesma liña”. O concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero, asegurou que “un ano máis organizamos a campaña “A túa vella bici vale un sorriso”, a través da que se recolleron nos centros e se continuarán recollendo no Concello bicicletas –tamén estáticas- e patinetes para entregarlle dende o Centro de Recursos Solidarios ás nenas e nenos de Narón”. Romero apuntou que xa se recolleron unha trintena e incidiu en que “todas as bicis e patinetes son desinfectandos convintemente antes de proceder á súa entrega cumprindo coas medidas sanitarias derivadas da actual pandemia pola Covid-19”. Así mesmo, o edil naronés avanzou que “a partir do día 5 tamén se seguirán recollendo no Concello, dende donde se está traballando noutra iniciativa solidaria que en breve daremos a coñecer”. Finalmente, e tamén coa colaboración da Asociación de Comerciantes de Narón (ACN) entregaranse uns vales de compra as familias vulnerables dende o Centro de Recursos Solidarios. A edil de Benestar Social, Catalina García, e o concelleiro de Promoción Económica, David Pita, entregaron xunto con representantes da ACN, entre eles a súa presidenta, María Yáñez, os vales á citada asociación solidaria. Os establecementos que integran a Asociación de Comerciantes de Narón ofreceron 329 vales de compra por un importe de 15 euros cada un que se entregarán a esas familias para gastalos nos citados establecementos. “A cifra é a mesma que o número de persoas que se atenderon dende o Centro de Recursos Solidarios durante a pandemia”, explicou García. Pola súa banda, o edil de Promoción Económica recalcou que “é un orgullo contar na cidade cunha asociación de comerciantes integrada por persoas tan solidarias e colaboradoras, que aínda nos peores momentos económicos pola actual pandemia nos amosan o seu espíritu solidario coas persoas que máis o precisan”. Pita valorou a súa implicación e fixo público o agradecemento e a confianza en que “o ano que acabamos de comezar sexa o ano do comercio local, un comercio seguro e de proximidade”. En representación da Asociación de Comerciantes de Narón a súa presidenta, María Yáñez, recoñeceu que o comercio non atravesa un bo momento pero subliñou que “arrimando o hombro podemos conseguir entre todas e todos axudar ás persoas que máis o precisan”. Dende o Concello de Narón agradeceuse a colaboración das veciñas e veciños que participaron nas campañas levadas a cabo co fin de axudar ás familias máis vulnerables e tamén o labor do Centro de Recursos Solidarios de Narón, da Asociación de Comerciantes de Narón e dos establecementos que formando ou non parte do citado colectivo, se sumaron a estas causas solidarias. Os agasallos entregaranse a vindeira semana, os días 4 e 5, ás familias da cidade que se atenden dende o Centro de Recursos Solidarios de Narón.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal