Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO INSTALA ANTE A INACCIÓN DA XUNTA UNHA CARPA NO EXTERIOR DO CENTRO DE SAÚDE PARA QUE POIDAN RESGARDARSE AS VECIÑAS E VECIÑOS
A alcaldesa, Marián Ferreiro, denunciou a pasividade da Xunta e a súa falta de vontade para solventar un problema das súas competencias e que se prolonga xa dez meses
Narón, 7 de xaneiro de 2021. O Concello de Narón instalará unha carpa no exterior do centro de saúde para que as veciñas e veciños que esperan no exterior as súas citas poidan resgardarse mentres agardan a que se lles permita acceder ao interior das instalacións. A alcaldesa, Marián Ferreiro, denunciou que “ante a inacción da Consellería de Sanidade, que é a administración con competencias nesta materia, e as reiteradas peticións para que solucionasen este grave problema, que non atenderon, vémonos na obriga de instalar esta carpa para que as veciñas e veciños de Narón dispoñan dun espazo cuberto baixo o que poder esperar resgardados das inclemencias meteorolóxicas mentres lles permiten acceder ao centro de saúde”. A rexedora local incidiu en que “a súa resposta é sempre que a solución pasa por modificar os protocolos do centro de saúde, pero levamos meses na mesma situación e os protocolos continúan sen modificarse e a xente espera a súa cita fóra do edificio, á intemperie”. Ferreiro recordou que ás poucas semanas de declararse a pandemia da Covid-19 dende o Concello “ofrecémonos á Consellería de Sanidade para asesoralos e elaborar un protocolo de acceso ao centro de saúde, para que os pacientes puidesen entrar pola rúa 25 de Xullo, donde hai uns soportais que permitirían resgardarse, e saír pola Praza de Galicia”. “Nós trasladamos o problema a Sanidade e pedímoslle que o solucionasen, e nunha reunión telemática o propio conselleiro afirmou que instalar unha carpa non era unha solución axeitada, senón que habería que cambiar os protocolos, algo que non obstante nunca chegaron a facer”, asegurou. “Habilitamos o hall do auditorio municipal con persoal do Concello para axudar a controlar tanto o aforo como as colas que se formaban para acceder ao centro de saúde e ofrecemos tamén á dirección do centro de saúde instalacións e espazos municipais para atención aos pacientes, expuxemos varias medidas mentres eles nos dicían que estaban traballando para solucionar o problema”, asegurou. A alcaldesa indicou que a maiores “co fin de intermediar na procura dunha solución aínda que fose temporal á espera deses cambios protocolarios, contactei con responsables da Unidade Militar de Emerxencias (UME) para ver se poderían instalar unha carpa no exterior do centro de saúde e trasladáronme que tiña que solicitalo a Xunta de Galicia e que podería ser viable, polo que así llo comuniquei aos representantes de Sanidade”. De novo, a resposta dende Sanidade foi que a solución non era instalar unha carpa senón modificar os protocolos, “pero a día de hoxe, transcorridos dez meses dende o inicio da pandemia, seguen sen modificarse”. Ferreiro continuou denunciando reiteradamente os problemas derivados das colas de pacientes no exterior do centro de saúde ante o propio conselleiro, Julio García, e o secretario xeral da Consellería de Sanidade, Alberto Fuertes, aproveitando as reunións semanais que se manteñen vía telemática coas alcaldesas e alcaldes das áreas sanitarias con concellos en niveis de alerta que implican maiores restricións pola Covid-19. Nunha das últimas celebradas o pasado ano, concretamente o día 16 de decembro, ante a pregunta da alcaldesa respondeuse dende Sanidade que se estaba traballando nos controis de aforos conxuntamente cos responsables dos centros de saúde, que se reforzou a contratación de persoal de servizos xerais para poder regular as entradas e que se incidiría en que a xente non acuda aos centros con moita antelación, distanciar as citas presenciais e manter as consultas telefónicas. “Case un mes despois de ofrecernos estas explicacións vemos que todo continúa igual, que as colas de persoas no exterior do centro de saúde son habituais e non podemos seguir agardando máis por unha solución que á vista está que non queren aportar dende a Consellería de Sanidade”, subliñou a rexedora local. “Dende o goberno local de Narón tratamos por todos os medios de que este problema estivese solventado hai tempo e lamentamos neste proceso a falta de implicación dos populares naroneses que máis alá de criticar a situación non reclamaron con nós ao goberno autonómico do PP, en concreto á Consellería de Sanidade, que asumise as súas competencias, limitándose a pedirnos que instalásemos unha carpa, o que supón unha incongruencia coa postura que mantén ese mesmo partido na Xunta”, subliñou Ferreiro. A alcaldesa recalcou que “a carpa permanecerá instalada o tempo que sexa preciso, e sobre todo agora coa previsión de levar a cabo a campaña de vacinación contra a Covid-19, pero esperamos que Sanidade tome canto antes cartas no asunto porque non deixa de ser unha medida provisional que asume o Concello ante a pasividade e inacción da Xunta, administración á que continuaremos urxindo solucións a este problema por ser a que ten competencias directas nesta materia”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal