Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A BIBLIOTECA ACOLLEU ESTA MAÑÁ A ENTREGA DAS DISTINCIÓNS AOS "USUARIOS E USUARIAS DE HONRA 2021"
A edil de Bibliotecas, Mercedes Taibo, foi a encargada de entregar os diplomas e os agasallos ás persoas premiadas, que foron citadas escalonadamente para cumprir as normas de prevención da Covid-19
Narón, 16 de xaneiro de 2021. A concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, entregou esta mañá na Biblioteca municipal as distincións de “Usuarios e usuarias de honra” das citadas instalacións. Estes recoñecementos concédense anualmente nas categorías de infantil e adultos. Na primeira delas recibiron a distinción Clara Bello Mato, Miguel Ángel Dopico Santalla, Xacobe Naveiras García, Sabela Vigo Coira e Uxía Vigo Coira. Na categoría de adultos foron para Pablo Antonio Novo Agulló, Isabel Pérez Murias, Margarita Grueiro Galego, Olimpia Tomé Gayoso e Manuel Gómez Cerón. Cada 11 de xaneiro conmemórase o Día das persoas usuarias das bibliotecas e dende hai oito anos na cidade homenaxéase con motivo desta data a cinco menores (de ata 14 anos) e outros tantos adultos que destacaron pola súa especial implicación coa Biblioteca no ano anterior. As nenas e nenos recibiron como agasallo un puzzle da iniciativa municipal “Narón en mapas”, no que figuran todas as parroquias de Narón e algúns puntos de interese, así como instalacións municipais, elementos patrimoniais… e tamén un convite para asistir a un espectáculo no Pazo da Cultura, unha taza do Servizo de Normalización Lingüística de Narón, un bloc de notas e un libro. Pola súa banda, na categoría de adultos/as recibiron unha figura artesá de “As Lolas da cascarilla”, un convite para que asistan dúas persoas a un espectáculo no Pazo da Cultura, e tamén a taza do servizo de Normalización Lingüística, un libro e unha libreta. A maiores, en ambas categorías os premiados recibiron de mans da concelleira de Bibliotecas un diploma acreditativo desta distinción. Taibo recibiu de maneira escalonada, unha por unha, ás persoas á súa chegada ás instalacións para realizar a entrega dos agasallos e o diploma, adaptándose a convocatoria ás medidas de prevención da Covid-19, polo que previamente se citou aos premiados entre as 11.15 e as 12.30 horas. A concelleira de Bibliotecas felicitou aos premiados pola súa implicación coa Biblioteca municipal, facendo uso dos servizos e material que se ofrecen dende as citadas instalacións e animounos a continuar na mesma liña. “Esta Biblioteca ten unha importante cantidade de fondos para persoas de todas as idades e que ano tras ano imos incrementando. Así o continuaremos facendo porque sabemos que é un servizo moi importante para as nosas veciñas e veciños e así o demostrades vindo ata aquí para solicitar materiais, consultar ou mesmo participar nas actividades que se desenvolven ao longo do ano, dende hai uns meses moi limitadas por mor da pandemia pero que manteremos na medida do posible adaptándonos ás normas en vigor”, asegurou a concelleira.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal