Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A CORPORACIÓN LOCAL ACORDA RETOMAR AS NEGOCIACIÓNS COS PROPIETARIOS DO MUÍÑO DAS ACEÑAS PARA VALORAR A SÚA COMPRA E POSTERIOR REHABILITACIÓN
O concelleiro de Urbanismo, Manuel Ramos, presidiu a xuntanza, á que asistiron os voceiros de todos os grupos da corporación local e persoal técnico do Concello
Narón, 18 de xaneiro de 2021. O concelleiro de Urbanismo, Manuel Ramos, presidiu esta mañá a reunión á que asistiron os voceiros dos grupos municipais (TEGA, PSOE, PP e BNG) e persoal técnico municipal, organizada para abordar unha solución que permita recuperar o muíño das Aceñas, unha propiedade privada que dende o goberno municipal se tratou de adquirir en varias ocasións. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, comprometeuse no pleno do pasado mes de decembro a convocar esta xuntanza na segunda quincena deste mes, proposta que aceptaron todos os grupos da corporación, Terra Galega, PSOE, PP e BNG, representados hoxe polos seus respectivos voceiros. Na convocatoria acordouse encargar unha valoración actualizada da construción, para dispoñer dun dato sobre o que poder retomar as conversas cos actuais propietarios do inmoble. O concelleiro de Urbanismo recordou que nas anteriores conversas mantidas con eles non se chegou a un acordo no prezo da compra e avanzou que unha vez se dispoña da valoración actualizada se tentará de novo adquirir o muíño. A maiores, dende a administración local contactarase coa Demarcación de Costas en Galicia e coa Xunta de Galicia (Consellería de Cultura e área de Patrimonio) para analizar a viabilidade de que se manteñan compromisos que permitan recuperar esta construción. No mes de abril do ano 2010 o Consello de Ministros aprobou o acordo para declarar de utilidade pública a compra do citado muíño, para incorporalo ao dominio público marítimo-terrestre e co fin de rehabilitalo a través dunha protección integral. A corporación local aprobou por unanimidade no pleno de decembro unha moción presentada polo BNG adquirindo o compromiso de realizar “todo o que estea nas súas mans” para adquirir o muíño das Aceñas co obxectivo de recuperar posteriormente a construción. Ramos valorou o resultado desta xuntanza e incidiu en que “dende o goberno local mantemos un gran compromiso co patrimonio desta cidade e un dos exemplos é outro muíño, o de Xuvia, que nos vindeiros meses será obxecto dunha importante intervención, orzamentada en algo máis de 1,6 millóns de euros, que permitirá recuperar e poñer en valor un dos edificios con máis historia da nosa cidade”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
naron.gal