Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO RECIBIU AS OFERTAS DE DEZANOVE EMPRESAS INTERESADAS EN ACOMETER O PROXECTO DE MELLORA ENERXÉTICA NO CENTRO IRMÁS FROILAZ
A alcaldesa, Marián Ferreiro, indicou que o proxecto a materializar suporá un investimento na cidade de algo máis de 370.000 euros, cofinanciados con fondos europeos
Narón, 26 de xaneiro de 2021. Un total de dezanove empresas presentaron no Concello as súas respectivas ofertas para acometer o proxecto de mellora enerxética nas instalacións do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara. Así o avanzou a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, que recordou que esta actuación licitouse en 372.063 euros, unha contía que se cofinanciará con cargo ás subvencións do programa europeo Feder. O prazo de execución dos traballos previstos é de cinco meses dende a adxudicación. Ferreiro anunciou que o vindeiro luns, día 1 de febreiro, terá lugar a primeira reunión da Mesa de Contratación para abrir as ofertas presentadas polas diferentes compañías. A actuación que se acometerá no Centro Irmás Froilaz permitirá mellorar as condicións térmicas de habitabilidade do edificio, así como a súa eficiencia enerxética. Os traballos executaranse nas catro fachadas da construción, nas que se instalará un novo sistema de aillamento e donde tamén se substituirá a cubrición de fibrocemento da cuberta por outra de panel sándwich de chapa. A maiores, tal e como se contempla no proxecto, cambiaranse os canelóns e baixantes e tamén as ventás do edificio ubicadas nas zonas non reformadas, na fachada oeste. O resto de fiestras da edificación renováronse con cargo a anteriores proxectos materializados dende o Consistorio. Dos 372.063 euros que custará esta intervención unha partida de 297.651 euros sufragarase con cargo ao programa Feder, se ben os 74.412 restantes abonaranse dende as arcas municipais, tal e como apuntou a rexedora local. O Concello tamén recibiu con cargo a estes fondos europeos –solicitados a través do Ministerio de Transición Ecolóxica- unha subvención para renovar alumeado público no termo municipal, orzamentado en 283.295 euros, dos que 226.636 procederán do Plan Feder e os restantes 56.659 do Concello. A actuación complementará os investimentos que dende as arcas locais se están realizando nos últimos anos para mellorar a eficiencia enerxética e permitirá renovar uns 430 puntos de luz ubicados en áreas de interconexión entre zonas industriais e zonas urbanas, así como viais de acceso xeral entre núcleos. Entre eles están as vías de acceso aos tres polígonos industriais da cidade (Río do Pozo, A Gándara e As Lagoas); a estrada da Gándara, as inmediacións do colexio Santiago Apóstol, Cornido, a zona de Outeiro-Piñeiros; Río Seco, rúa Bimbieiro… Ferreiro recordou que o Concello de Narón solicitou estas dúas subvencións ao Ministerio de Transición Ecolóxica, a través do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE). As axudas diríxense a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono. “Trátase de dúas subvencións que nos vindeiros meses nos permitirán acometer na cidade actuacións que mellorarán nun dos casos unhas instalacións municipais e no outro permitirán un considerable aforro e redución da contaminación de dióxido de carbono”, subliñou a alcaldesa.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal