Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MARIÁN FERREIRO TRASLADOU AO PRESIDENTE DA XUNTA VARIOS PROXECTOS MUNICIPAIS E A URXENCIA DE IMPLANTAR UN PLAN INDUSTRIAL A NIVEL COMARCAL
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, reuniuse esta mañá co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, no Pazo de Raxoi
Narón, 16 de febreiro de 2021. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, desprazouse esta mañá a Santiago de Compostela para reunirse no Pazo de Raxoi co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. A rexedora local solicitou a entrevista o pasado ano para abordar co máximo responsable da administración autonómica varios asuntos de interese para o Concello naronés. Ao inicio da xuntanza Ferreiro e Feijóo analizaron a situación que atravesan actualmente as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, trasladándolle a alcaldesa a necesidade de “pasar á acción e adoptar medidas para frear o desmantelamento industrial e a consecuente pérdida de empregos na zona”. A rexedora naronesa incidiu na urxencia de “poñer en marcha un Plan industrial no que se contemple apoio aos diferentes sectores activos e tamén se abran novas vías a outros que se poderían implantar nun futuro co fin de diversificar o tecido industrial e empresarial”. A maiores, indicou “é preciso realizar un exhaustivo control das empresas que reciben subvencións das diferentes administracións e impedir que, unha vez concedidas, poidan pechar e deslocalizar os seus negocios noutros países, como foi o caso da empresa Poligal, que pechou no ano 2019 as súas instalacións en Narón e mantense operativa en Portugal e Polonia”. Así mesmo, Ferreiro insistiulle ao presidente autonómico na necesidade de que se constrúa en Narón un Centro Integrado de Formación Profesional que permita ampliar a actual oferta formativa. Para esta actuación ofreceu á Xunta os terreos necesarios nos que materializar o proxecto “para a nosa cidade, cunha oferta de ciclos de Formación Profesional que precisa ampliarse con dous certificados de profesionalidade, de Transporte e Loxística e/ou Comercio internacional”. En materia de servizos Ferreiro plantexou a necesidade de construír un Centro Integrado de Atención ás Persoas Maiores na cidade, comprometéndose o presidente autonómico a realizar un estudo para coñecer cantas prazas se poderían concertar dende a citada administración para ofrecer ás veciñas e veciños de Narón. Outro dos asuntos abordados na reunión foi a necesidade dun Plan de investimentos en melloras nos centros públicos de Narón, para o que Ferreiro reiterou o ofrecemento de asinar un convenio entre as dúas administracións. En canto aos viais de titularidade autonómica Ferreiro e Feijóo abordaron a posible transferencia das estradas de Cedeira e Castela ao Concello, informando o presidente autonómico da próxima licitación dun proxecto de reforma de firmes que incluirá a estrada de Cedeira. Así mesmo indicou na área de infraestruturas que a obra de acondicionamento do novo aparcadoiro para dar servizo ao centro de saúde xunto á estrada de Castela se someterá a información pública nas vindeiras semanas. Finalmente a alcaldesa informou ao presidente autonómico do esforzo inversor que cada ano realiza o Consistorio para continuar avanzando na implementación da rede de saneamento, e tamén de abastecemento, no termo municipal, actuacións para as que solicitou a colaboración da Xunta. A alcaldesa de Narón agradeceu que o presidente autonómico a recibise hoxe, valorou o resultado da xuntanza e a disposición de Feijóo a abordar e estudar os asuntos que lle trasladou no transcurso da mesma. Ferreiro subliñou a importancia da “colaboración entre administracións para ofrecer ás veciñas e veciños máis e mellores servizos adaptados ás necesidades que require unha cidade como Narón”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal