Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A CORPORACIÓN LOCAL HOMENAXEOU HOXE A MANUELA CASTRO GÓMEZ COMO "MULLER DO ANO DE NARÓN 2021"
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu o acto institucional no Concello, ao que tamén acudiron representantes da corporación local
Narón, 5 de marzo de 2021. Manuela Castro Gómez (Narón, 1962), veciña da parroquia naronesa do Val e integrante dende hai catorce anos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da cidade, recibiu esta mañá no salón de plenos do Concello a distinción de “Muller do Ano de Narón 2021”. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu a convocatoria, á que tamén acudiron varios edís da corporación local, entre eles a de Igualdade, Mar Gómez, compañeiros e compañeiras de Protección Civil e a filla e dúas netas da homenaxeada, que chegou ao Consistorio convocada para unha reunión da citada agrupación. Ás 12.00 horas deu comezo o acto, no que a rexedora local leu a acta aprobada no pleno do pasado mes de febreiro por unanimidade da corporación, na que se recollía o nomeamento de Manolita, como Muller do Ano de Narón. “Sabiamos da túa solidariedade e vontade por axudar aos demais e esta pandemia non fixo máis que reforzar os teus valores, a túa entrega e dedicación a esas persoas que máis o precisan nestes difíciles momentos”, recalcou a alcaldesa en referencia á homenaxeada. Manolita Castro forma parte da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil dende hai catorce anos e dende hai tamén máis dunha década traballa no Concello. Ferreiro destacou que “o altruismo e profesionalidade de Manolita son de sobras coñecidos por todas e todos nós, por iso quixemos rendirche esta merecida homenaxe e nomearte “Muller do Ano de Narón”. “Sempre cun sorriso e disposta a botar unha man xunto coas súas compañeiras e compañeiros de Protección Civil, aos que tamén queremos agradecer neste acto o seu encomiable labor", subliñou a alcaldesa. A continuación Marián Ferreiro entregoulle á homenaxeada unha réplica da escultura “Anduriña”, do artista Manuel Patinha, e a concelleira de Igualdade, Mar Gómez, un ramo de flores. Así mesmo, recibiu unha copia da acta na que se recolle o seu nomeamento oficial como “Muller do Ano de Narón 2021”. Antes de rematar o acto Manolita Castro agradeceu este recoñecemento, asegurando que foi toda unha sorpresa “porque supostamente viña a unha reunión ao Concello e despois ía recoller á miña neta á escola”. A continuación as asistentes acudiron na Praza da Gándara á inauguración da mostra fotográfica “Mulleres de Narón”, integrada por paneis coas mulleres que recibiron dende o ano 2016 a distinción de Muller do Ano de Narón, algunhas das que estiveron alí presentes hoxe; outro da Revolta das Pedradas e tamén un propio con cartaces e actividades conmemorativas do 8M e outro os recursos do Concello nesta área. Finalmente desprazáronse ao mural “Todas as mulleres sumamos”, nas inmediacións da Praza da Gándara e co que dende o Concello se aposta por recoñecer o papel de todas as mulleres que loitaron a prol do feminismo. Clara Campoamor, Concepción Arenal, Maruja Mallo, Chimamanda Ngozi e Malala Yousafzai son as protagonistas deste mural, que se comezou a realizar onte e está a piques de rematar. Ferreiro destacou o “compromiso do Concello de Narón coa Igualdade” e animou ás veciñas e veciños a visitar a mostra fotográfica da Praza da Gándara e o mural, ao tempo que os convidou a participar no resto de actividades programadas dende o Concello con motivo do Día Internacional da Muller. Esta fin de semana, tal e como recordou a alcaldesa, iluminaranse de cor violeta o Pazo da Cultura, a glorieta de Freixeiro, o antigo Concello de Xuvia e a Casa da Cultura.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal