Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA PRESIDIU UNHA XUNTANZA CON PERSOAL DA OFICINA DE CORREOS DE NARÓN PARA ABORDAR OS ACTUAIS PROBLEMAS DO SERVIZO NA CIDADE
Marián Ferreiro avanzou que os grupos da corporación local levarán ao pleno unha declaración institucional en defensa das reivindicacións das traballadoras e traballadores da empresa
Narón, 11 de marzo de 2021. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu este mediodía a xuntanza organizada no salón de plenos do Concello e á que tamén acudiron representantes dos catro grupos políticos da corporación local –TEGA, PSOE, PP e BNG- para que persoal da oficina de Correos de Narón lles trasladase os problemas que atravesa o plantel. En representación do persoal acudiron Xan Xove, delegado de Persoal; Tamara Meizoso e Susana Rey, carteiras de Narón, que denunciaron o deterioro do servizo e, ao mesmo tempo, o considerable incremento da carga de traballo para os empregados e empregadas en activo. Persoal fixo de Correos de Narón secundou as xornadas de folga convocadas os pasados 2 e 8 de marzo pola central sindical CGT para denunciar a falta de persoal e esixir que se substitúa ao persoal xubilado e se cubran todas as ausencias no plantel. O colectivo asegura que a dirección de Correos é “responsable directa do desmantelamento encuberto do servizo postal universal no noso concello, que obriga a repartir todas as zonas en igualdade de condicións todos os días da semana”. Na actualidade, sinalan, “facémonos cargo cada día do noso barrio de reparto habitual e de partes de ata outros tres máis, o que fai imposible ofrecer un servizo de calidade ás veciñas e veciños de Narón”. O persoal de Correos incide en que “neste momento estamos asumindo a carga de seis zonas nas que falta persoal: Xuvia, O Ponto, Freixeiro, Piñeiros, Santa Icía e parte da Gándara, unha carencia que leva a que na inmensa maioría dos barrios do concello non se estea a repartir ao día e se produzan retrasos graves na entrega da correspondencia e, ao mesmo tempo, unha sobrecarga de traballo entre o persoal”. Así mesmo, indican que se rexistran a diario colas na Oficina de Atención ao Cliente, instando a Correos a “solventar este problema canto antes”. Os representantes do goberno local escoitaron as demandas que lles trasladou o persoal de Correos e acordaron, tal e como avanzou a alcaldesa, levar ao pleno unha declaración institucional apoiando as reivindicacións do colectivo. Os integrantes da corporación que acudiron á xuntanza manifestaron estar dacordo coas demandas formuladas polo colectivo e incidiron na necesidade de que se preste un servizo de calidade e tamén que os profesionais de Correos poidan desenvolver o seu traballo en condicións dignas, tal e como recalcou Ferreiro.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal