Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
APROBADA NO PLENO A REDUCIÓN DA TARIFA DE REFUGALLOS SÓLIDOS URBÁNS A PARTICULARES E LOCAIS DE HOSTALERÍA POR PECHES DECRETADOS POLAS AUTORIDADES SANITARIAS
A corporación local levou ao pleno unha declaración institucional en defensa dun servizo postal público de calidade en Narón
Narón, 25 de marzo de 2021. A corporación local aprobou hoxe de xeito provisional a modificación de tres ordenanzas fiscais: a xeral de Xestión, recadación e inspección; a reguladora do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica e a reguladora da taxa por recollida de refugallos sólidos urbáns. Nesta última o portavoz de Terra Galega e concelleiro de Facenda, Román Romero, explicou que se creará unha nova tarifa dirixida a locais e establecementos sen actividade debido a peches temporais forzosos obrigatorios decretados polas autoridades sanitarias. A tarifa reducirase, tal e como indicou Romero, naqueles casos nos que os peches sexan por un período mínimo de 25 días naturais dentro do mesmo trimestre, ao considerarse ese prazo o suficientemente relevante para condicionar o exercicio da actividade económica. A maiores, no referente ao servizo de recollida de residuos sólidos urbáns tamén se contempla na modificación a aplicación dun desconto á veciñanza derivado da aplicación do canon reducido de Sogama, que se estimou nun 3,5% anual. Dende a Alcaldía, co fin de poder aplicar esta modificación adquiriuse o compromiso de impulsar medidas que fomenten a recollida selectiva para reducir a produción de lixo convencional e fomentar a reciclaxe de envases lixeiros. Así mesmo, a ordenanza de xestión, recadación e inspección do Concello modificarase para que ante casos de emerxencia ou alarma declarados polo Goberno central ou autonómico as taxas, prezos públicos e outros ingresos de competencia municipal poidan adaptarse ao alcance das restricións ou limitacións que en cada momento impoña a normativa. En canto á terceira ordenanza a modificar, a reguladora do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica, aplicaránselle unha serie de variacións nos importes dos diferentes apartados que se comunicarán á Deputación da Coruña, que é a administración que ten delegada a xestión e recadación deste tributo na cidade. As modificacións destas tres ordenanzas terán efecto retroactivo, polo que se aplicarán a data de 1 de xaneiro deste ano. Outro dos puntos aprobados foi unha addenda ao convenio entre o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e o Concello para desenvolver o programa “Xantar na casa” durante os anos 2021, 2022, 2023 e 2024. Co fin de adaptar o convenio en vigor ás necesidades detectadas dende o Consistorio naronés pasarase a atender a través deste servizo a 40 persoas, fronte ás 32 contempladas como máximo inicialmente. Aprobouse tamén o convenio de colaboración da agrupación de concellos de Fene, Narón e Ferrol para executar o proxecto “Ártabro inclusivo” a través dunha subvención da Consellería do Mar e para desenvolver proxectos de economía circular, contribuíndo a reforzar o dinamismo social, económico e ambiental da zona costeira. Na sesión saíu adiante o convenio de colaboración para a presente anualidade entre o Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Federación Galega de Municipios e Provincias e os concellos de Narón, Arteixo, A Coruña, Poio e Pontevedra para obter imaxes aéreas de alta resolución xeorreferenciadas. A través deste acordo cúbrese a necesidade de ter documentado ortofotograficamente o territorio municipal con imaxes de alta resolución, aportando valor documental aos instrumentos de planeamento da cidade, tal e como se indicou. A corporación levou ao pleno unha declaración institucional en defensa dun servizo postal público de calidade en Narón, instando a Correos a manter o persoal necesario para cumprir con rigor as obrigas do reparto diario da correspondencia na cidade nas condicións que marca a lei e tamén a abrir a oficina ubicada en Narón os sábados pola mañá para atención ao público. No apartado de mocións aprobáronse as dúas presentadas polo grupo municipal do PSOE. A primeira delas defendida polo edil de Sanidade, Santiago Galego, para rexeitar a modificación da Lei de Saúde de Galicia proposta no Parlamento galego, instando á Xunta a buscar o consenso con todas as forzas políticas representadas na citada administración e diferentes colectivos. Así mesmo, o portavoz do PSOE local, David Pita, abordou a moción de apoio á defensa e promoción da escola pública, solicitando o incremento do financiamento educativo, ampliar a oferta de actividades complementarias, e incrementar a creación de centros integrados de educación con todos os niveis escolares, entre outras medidas. Por unanimidade aprobáronse as mocións presentadas polo PP en apoio ao traspaso de competencias á Xunta da xestión de dominio público marítimo terrestre para acadar unha mellor prestación do servizo público a través dunha xestión de proximidade e cun coñecemento máis detallado da realidade costeira de Galicia e polo BNG para instar á Xunta a construír unha residencia de maiores pública na cidade. Neste punto a alcaldesa, Marián Ferreiro, incidiu na importancia de que todos os grupos respaldasen a petición á Xunta destas instalacións na cidade para que “esta vella demanda do goberno local chegue a donde teña que chegar” e incidiu ademais en que se ofreceron en reiteradas ocasións terreos á Xunta para a súa construción.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal