Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO ABRE O TRÁMITE DE AUDIENCIA EN TRES NORMAS DO PLAN NORMATIVO DE 2021
A concelleira de Participación Cidadá, Catalina García, recordou ás veciñas e veciños que poden presentar suxerencias a través da plataforma municipal "Narón Participa"
Narón, 26 de maio de 2021. O Concello de Narón abriu hoxe o prazo de presentación de suxestións a tres normas do Plan Normativo 2021 a través da plataforma municipal “Narón Participa” (www.naronparticipa.es). As persoas que o desexen pode presentar ata o vindeiro 10 de xuño as súas propostas sobre os borradores elaborados e publicados –na mesma plataforma- das normas do Regulamento de Xantar na Casa, do Plan de Inspección de Actividades e do Regulamento do servizo municipal de abastecemento de auga e saneamento. A concelleira de Participación Cidadá, Catalina García, explicou que “queremos contar coas propostas que nos poidan achegar as veciñas e veciños de Narón para analizar a súa viabilidade por parte do persoal técnico que está levando a cabo esta tarefa”. Unha vez que remate o prazo establecido para o trámite de audiencia estas tres normas someteranse a aprobación inicial para, a continuación, abrir un prazo de alegacións antes de sometelas a aprobación definitiva no pleno do Concello e incorporalas no acervo normativo do Consistorio. En canto ao Regulamento do programa Xantar na Casa –o Concello adheriuse no ano 2010 a este convenio co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar Social- estase tramitando o novo convenio, no que se aposta por corrixir unha serie de limitacións que se rexistran actualmente sobre a cobertura alimentaria. Por este motivo, tal e como se indica no documento, é preciso regular o sistema de acceso a este programa, o procedemento de concesión e xestión e do funcionamento do servizo. En canto ao Plan de Inspección de Actividades do Concello, na nova normativa determinaranse as actuacións prioritarias para o servizo de Urbanismo no que respecta á función inspectora das actividades sometidas a licenza, comunicación previa ou declaración responsable. Deste xeito, tal e como se indica, mellorarase a calidade e eficiencia tanto da inspección como da comprobación que a normativa actual encomenda aos concellos. Neste caso a norma que se pretende aprobar ten un carácter puramente organizativo do traballo interno e da inspección. Finalmente, sobre o Regulamento do servizo municipal de abastecemento de auga e saneamento do Concello, adaptarase o documento ao Regulamento marco do servizo público de saneamento e depuración de augas residuais de Galicia. No proceso de presentación das suxestións, tal e como recordou García, poden participar persoas maiores de 16 anos empadroadas en Narón ou que acrediten a condición de interesados/as e tamén as organizacións e asociacións legalmente constituídas e potencialmente afectadas. “Animo á cidadanía a colaborar neste proceso, a plantexar as cuestións que estime oportunas relativas a estas tres normativas para contar con eles á hora de determinar o futuro da nosa cidade”, apuntou García.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal