Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
OS COLEXIOS DA SOLAINA, PONTE DE XUVIA E PIÑEIROS IMPARTIRÁN O VINDEIRO CURSO A ASIGNATURA DE EDUCACIÓN VIARIA
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero, acudiron á presentación da iniciativa con representantes do equipo de Educación Viaria de Narón, de centros de ensino, da Xefatura Provincial de Tráfico da Coruña e da Inspección de Educación
Narón, 17 de xuño de 2021. Alumnado de cuarto de Infantil de tres centros de ensino da cidade: A Solaina, Ponte de Xuvia, e Piñeiros, impartirá o vindeiro curso unha asignatura de Educación Viaria entre as de libre configuración. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou esta mañá a iniciativa xunto co edil de Seguridade Cidadá, Román Romero, o subxefe da Xefatura Provincial de Tráfico da Coruña: Adrián Pedreira e os coordinadores de Seguridade Viaria, Susana Freire e Federico Ceniza; os directores dos colexios da Solaina, Xosé Nel; Ponte de Xuvia, José Carlos Pena, e Piñeiros, Belén Franco; o inspector de zona de Ferrolterra, Santiago Sobrino; a docente do colexio Jorge Juan Eva Teijeiro, que elaborou o curriculum da asignatura, e o equipo de Educación Viaria de Narón, formado polos axentes da Policía Local Pedro Caneiro e Sonia López. O patio cuberto do colexio da Solaina, centro pioneiro na cidade en materia de educación viaria, acolleu o acto de presentación desta proposta. A acaldesa, Marián Ferreiro, explicou que “as direccións dos tres centros enviaron unha solicitude o pasado mes de maio á Inspección da Xunta, remitindo o curriculum da asignatura realizado por Eva Teijeiro e aprobado nos claustros dos respectivos colexios. Posteriormente o servizo de inspección educativa comprobou o curriculum e deulle o visto bo, polo que se poderá impartir dende o vindeiro mes de setembro nas aulas da Solaina, Ponte de Xuvia e Piñeiros”. A alcaldesa agradeceu a implicación de todas as persoas que fixeron posible esta iniciativa e destacou que entre os obxectivos da mesma está “axudar ao alumnado a adquirir competencias básicas para a súa autonomía persoal a través duns contidos adaptados a escolares neste caso de educación Primaria”. “Hoxe avanzamos un paso máis, moi importante neste Concello e tamén neste colexio da Solaina, pioneiro no traballo co alumnado en Educación Viaria”, asegurou Ferreiro. A rexedora local recordou que na actualidade “todos os centros de Narón dispoñen de programas e actividades vencelladas á educación viaria” e valorou o feito de que a partir do vindeiro curso se sumará no caso dos tres centros “esta nova iniciativa, fundamental para que os escolares, como peóns, viaxeiros ou ciclistas sexan unha peza imprescindible no respecto das normas e a prevención de accidentes”. “Gústanos sempre colaborar neste tipo de actos que se levan a cabo para mellorar a seguridade viaria porque os accidentes de tráfico son unha gran lacra para a sociedade”, asegurou o subxefe da Xefatura Provincial de Tráfico da Coruña, que indicou que os colectivos vulnerables, entre os que se atopan as nenas e nenos, vense implicados actualmente “en máis do 50% dos accidentes de tráfico”. Pedreira recalcou que “actuacións como as que se levan a cabo nos colexios e institutos de Narón, enfocadas á mellora da educación e redución dos comportamentos de risco, teñen un papel fundamental para mellorar no futuro a seguridade vial, xa que con esa formación os menores, de adultos serán moito máis seguros, polo que animamos a que outros colexios e concellos se sumen a estas iniciativas”. Dende a coordinación de Educación Viaria da Xefatura Provincial de Tráfico da Coruña, Federico Ceniza felicitou ao Concello polo traballo realizado nesta área e aos colexios porque “son un referente a nivel da Coruña, de Galicia e de España. Levan moitos anos traballando, isto non se consigue dun día para outro, e é un pasiño máis para seguir avanzando xa na educación viaria na etapa de Primaria e estamos encantados de poder colaborar”. Pola súa banda, o inspector de zona de Educación en Ferrolterra agradeceu “o traballo realizado dende o equipo de Educación Viaria do Concello nos colexios coa Solaina como centro pioneiro na iniciativa e que implantará este curriculum xunto cos outros dous centros de Narón”. En relación á proposta, a autora do curriculum, Eva Teijeiro, amosou a súa confianza en que se sumen máis centros a esta proposta e destacou a importancia da seguridade viaria e tamén de fomentar a mobilidade entre o alumnado dende as áreas de Educación Física e o benestar emocional. A alcaldesa destacou tamén “a excelente disposición dos colexios de Narón para colaborar neste tipo de iniciativas e do alumnado e das familias, sen os que non sería posible levalas a cabo”. Así mesmo, Ferreiro animou aos centros da cidade interesados nesta área a implantar tamén esta asignatura “na que o alumnado reforzará coñecementos que lle serán de moita utilidade no seu día a día”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal