Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PLENO APROBA INCORPORAR AO INVENTARIO MUNICIPAL DE BENS 67 FINCAS PARA ENLAZAR CUNHA SENDA PEONIL OS PASEOS DE FREIXEIRO E XUVIA
Na sesión plenaria saíu tamén adiante unha moción presentada por TEGA, PSOE e BNG rexeitando a construción do parque eólico de Caaveiro, actuación ao que o Concello presentará alegacións
Narón, 29 de xullo de 2021. O Concello acolleu esta mañá, ás 9.00 horas, o pleno extraordinario de finais de mes, no que o bipartito naronés –TEGA e PSOE- aprobou a inclusión no Inventario Municipal de Bens un total de 67 fincas expropiadas polo Concello para enlazar por unha senda peonil e ciclista os paseos de Freixeiro e Xuvia e habilitar no tramo un área estancial. Os terreos que pasan ao inventario suman unha superficie de preto de 32.000 metros cadrados. O Concello ultima estes días a adxudicación dun dos tramos desta senda, concretamente o localizado entre a rúa Conde de Fenosa e o camiño da represa do muíño de As Aceas, un proxecto orzamentado en 793.000 euros e cofinanciable nun 80% polo Fondo Europeo de Desesarrollo Regional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020, enmarcado na Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”. O traxecto comprendido entre as rúas Miguel de Cervantes e Conde de Fenosa acometerase con cargo a un investimento de 501.566 euros das arcas municipais, completando así esta intervención. Na sesión plenaria desta mañá saíu adiante por unanimidade o convenio de colaboración entre o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e o Concello para a xestión e cofinanciamento da escola infantil de Xuvia. O acordo estará en vigor dende o 1 de setembro deste ano ata o 1 de setembro de 2025 e en base ao mesmo o Concello cede ao Consorcio o uso do inmoble destinado a escola infantil durante o citado periodo e tamén contribuirá ao financiamento dos gastos de funcionamento das instalacións. Esa colaboración económica suporá que o Consistorio transferirá anualmente ao Consorcio (entre 2021 e 2025) un importe de 1.500 euros ao ano por cada unha das prazas ocupadas por usuarias e usuarios da escola infantil de Xuvia, tal e como se establece no documento. No apartado de mocións, o PP presentou unha relativa ás bocas de incendio exteriores do Concello e outra sobre o apoio do Xacobeo 21-22. A primeira rexeitouse, aportando dende o goberno local os pertinentes informes. O portavoz de TEGA, Román Romero, solicitou a retirada desta moción “pola propia credibilidade do PP”, que asegura na mesma que hai dúas bocas de incendio no polígono de Río do Pozo cando se contabilizan, tal e como recordou Romero, máis de cincuenta. A moción de apoio ao Xacobeo 21-22 aprobouse por unanimidade da corporación local, polo que dende o Concello se instará á Xunta a desenvolver unha programación extensa e descentralizada, promovendo actividades por toda a comunidade e o Concello apoiará a celebración dos anos Xacobeos 21-22 no que respecta á proxección exterior de Galicia e rexeitará campañas contra o citado fenómeno ou de desconsideración aos peregrinos. Os grupos municipais de TEGA e PSOE presentaron outra moción, -sobre a protección das persoas LGTBI, aprobada tamén por unanimidade e acordando declarar ao Concello como zona de liberdade para as persoas LGTBIQ e comprometerse coas políticas públicas para promover e protexer os dereitos do colectivo. Neste apartado o portavoz do PSOE, David Pita, recalcou que “calquera ideoloxía que non respecte os valores democráticos non debería ter cabida”. O BNG levou ao pleno dúas mocións, unha para crear unha rede de feiras na cidade e fomentar a venda de produtos de proximidade, que non saíu adiante, e outra a prol da adhesión do Concello á rede Cidades que Camiñan que obtivo o respaldo de todos os grupos da corporación local. En base a esta última proposta cumprirase a Carta dos Dereitos do Peón, dándolles prioridade en todos os espazos da cidade, tal e como se contempla na moción. A alcaldesa, Marián Ferreiro, destacou que “dende o goberno de Narón cúmprense os dereitos dos peóns e temos unha gran sensibilidade en materia de accesibilidade, dotando os orzamentos e habilitacións de créditos de partidas para que a cidade sexa cada vez máis accesible”. Finalmente, fóra da orde do día e con carácter de urxencia aprobouse unha moción presentada por TEGA, PSOE e BNG para rexeitar o parque eólico de Caaveiro promovido por Enel Green Power na comarca de Ferrolterra. O rexeitamento responde aos “impactos negativos” que a instalación pode derivar para a comarca en xeral e para Narón en particular, amosando os tres grupos políticos que presentaron a moción a súa oposición a que se instalen parques eólicos fóra das áreas de desenvolvemento do Plan Sectorial Eólico. Así mesmo, solicítase á Xunta que elabore un novo Plan Eólico Sectorial en base a uns criterios específicos, entre eles, que a porcentaxe mínima de componentes de fabrique en Galicia e tamén se insta ao Goberno central a denegar as autorizacións deste tipo de instalacións que teña que tramitar que non se correspondan coas ADE establecidas no actual e posteriores plans eólicos de Galicia. A alcaldesa, Marián Ferreiro, avanzou finalmente que se están ultimando unha serie de alegacións ao parque eólico de Caaveiro que se presentarán formalmente nos vindeiros días e lamentou o feito de que esta moción non se aprobase por unanimidade da corporación local.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal