Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO EXECUTA E LICITA OBRAS DE SANEAMENTO E ABASTECEMENTO NA CIDADE POR UN IMPORTE CONXUNTO SUPERIOR AOS 1,1 MILLÓNS DE EUROS
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras, Pablo Mauriz, desprazáronse á parroquia do Val para ver o avance dos traballos que alí se executan
Narón, 24 de setembro de 2021. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras, Pablo Mauriz, desprazáronse esta mañá á parroquia do Val para comprobar o avance das obras de saneamento que están en execución na citada parroquia. Ferreiro recordou que na actualidade o Concello ten en fase de execución ou licitación obras de implantación ou ampliación da rede de saneamento e abastecemento en varias parroquias da zona rural e tamén nalgún punto do núcleo urbán da cidade por un importe conxunto que ascende a 1,11 millóns de euros. Na zona de O Val e Outeiros a ampliación da rede de saneamento que se está levando a cabo suporá un investimento de 505.363 euros. “Con cargo a este investimento preto dun centenar de vivendas disporán de dous servizos dos que carecían ata o momento, o de saneamento e o de abastecemento”, explicou Ferreiro. A maiores tamén está en execución a obra de renovación e reforzo da rede de abastecemento na estrada do Trece, unha intervención orzamentada en 89.911 euros. "Neste caso os traballos a levar a cabo implican a renovación de toda a tubaría de fibrocemento da estrada do Trece e do lugar da Pena Parda, o que permitirá dotar a unhas 60 vivendas da zona de Ferrerías de servizo de abastecemento. En execución están tamén na actualidade os traballos proxectados para implantar o saneamento para un máximo de 35 vivendas no Couto, donde se instalará un colector e un grupo de bombeo que permitirá a conexión do mesmo ao colector existente, tal e como indicou a rexedora local. Estes traballos suporán ás arcas locais un desembolso de 249.146 euros. O Concello ten actualmente en fase de licitación outras tres importantes actuacións nesta área. Unha delas, orzamentada en 77.846 euros, é para instalar un colector no Camiño da Fonte, na zona do Alto, para dotar do servizo de saneamento a unha vintena de vivendas localizadas nesa zona, recollendo os verquidos do tramo a través dun sistema de bombeo. Así mesmo, no núcleo de Sedes-O Pereiro está en licitación unha actuación orzamentada en 131.024 euros para instalar un colector no lugar do Pereiro que recolla os verquidos dunha vintena de vivendas da zona e levalos ata as redes xerais de saneamento. Na zona de Ferrerías estase realizando unha actuación orzamentada en 64.505 euros para ampliar a rede de saneamento, para que algo máis dunha vintena de vivendas poidan dispoñer do mesmo. “Continuamos dotando de servizos moi importantes, como neste caso o saneamento e o abastecemento, a diferentes núcleos da zona rural e urbana do municipio. A aposta do goberno local é firme nesta liña e seguiremos avanzando na implantación destes servizos nos vindeiros meses”, subliñou Ferreiro.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal