Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
CELEBRACIÓN DO DIA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO EN NARÓN
A Concelleira de Igualdade deu lectura ó manifesto da Marcha Mundial das Mulleres
Narón, 26 de Novembro de 2009.- A Concelleira de Igualdade e Presidenta da Comisión da Muller do Concello de Narón, Mª del Carmen Espada, deu lectura onte ó manifesto da Marcha Mundial das Mulleres, coincidindo coa celebración do 25 de Novembro, Dia Internacional contra a Violencia de Xénero. O texto do manifesto dí o seguinte: " "Cinco son as mulleres que perderon a vida até o momento na Galiza no que vai de ano 2009. No mes de xaneiro, María Teresa Troncoso en Nigrán (43 anos); no mes de febreiro, María Socorro da Silva, en Ourense (26 anos); no mes de xullo, María Luz Tapia, na Coruña (38 anos); no mes de agosto, Ubaldina Pazos, en Coristanco (70 anos); no mes de setembro, Laura Alonso, en Toén (19 anos). Repetimos e lembramos os seus nomes porque, xunto a elas, existen os nomes de miles de mulleres que cada ano presentan denuncias por agresión nos xulgados, constatando que a violencia contra as mulleres segue a ser unha realidade que non recúa. Nos últimos tres anos, máis de 53.000 homes foron condeados a penas de prisión por violencia de xénero. O 60% deles recoñece o delicto, pero o minimiza e o xustifica, demostrando que existen crenzas moi enraizadas na sociedade de que a violencia contra as mulleres forma parte natural da masculinidade. Diante desta realidade, moitos sectores sociais e institucións fan un esforzo constante para protexer ás vítimas, condear aos agresores e previr a violencia machista. Mentres, outra parte da sociedade fai dos asasinatos de mulleres un espectáculo mediático. Segue primando no tratamento informativo o espectáculo, o morbo, o simplismo, e mesmo os mitos e crenzas que rodean e alimentan a violencia machista, en vez de fomentar a análise e a reflexión que fagan avanzar á sociedade cara ao fin da violencia. Asistimos, paralelamente a este espectáculo informativo, a unha ofensiva desde os poderes máis conservadores, quen solicitan aumentar as penas para os agresores, reformar a lei do menor para que poidan ir ao cárcere por estes delictos, ou mesmo, algúns sectores máis extremistas, piden a pena de morte. Todo isto sen estar dispostos a remover nin un anaco as raíces que sustentan a violencia machista, e que tan ben están representados no seu modelo social, económico e relixioso. Antes ben, esas voces conservadoras, van reivindicando nos parlamentos, nos governos e medios de comunicación que dirixen, ou mesmo manifestándose na rúa, un retroceso nos dereitos das mulleres, como é no caso do dereito ao aborto, ou o recurso contra a Lei de Igualdade, sen esquecer os ataques aos servizos públicos e prestacións sociais, que son unha das bases nas que se sustenta a plena integración social das mulleres. Desenmascarar ese modelo conservador, que pretende limitar dereitos, liberdades e recursos, debe ser unha prioridade para todas nós. Existen xa algunhas ferramentas para axudar ás mulleres a saír da situación de violencia na que viven: medidas de protección, ordes de alonxamento, xulgados específicos, recursos asistenciais e económicos, etc. Aínda así, estas ferramentas non foron útiles ou suficientes para salvar a vida das mulleres que foron asasinadas. Por iso, desde a MMM, este 25 de Novembro, reivindicamos a posta en marcha de todas as ferramentas necesarias nos ámbitos da educación, a cultura, o ensino, a sanidade, a xustiza, as institucións políticas, as relixiosas, os medios de comunicación, a sociedade, etc... así como a optimización e a utilización de todas as ferramentas xa existentes, que faciliten que toda a sociedade sexa quen de arrincar as raíces que sustentan a violencia machista e parar xa e dunha vez por todas as agresións de todo tipo que sofren as mulleres e as nenas. Non podemos seguir asistindo aos asasinatos de mulleres como algo que pertence á rutina informativa ou ao espectáculo mediático". Acompañando á Concelleira de Igualdade estivo a representante da Marcha Mundial das Mulleres en Narón, Anxela Lagoa. A continuación, celebrouse unha nova edición do Foro de Cidadás, enmarcado no I Plan de Igualdade para as Mulleres de Narón e que nesta ocasión levou por título “Tempo libre Activo”. Ó longo das catro horas que durou o foro, celebrado na Biblioteca de O Alto, analizáronse as alternativas de lecer disponibles en Narón e comarca (deportes, excursionismo, lectura, música). Finalizado o foro as asistentes realizaron unha visita á exposición “Mulleres silenciadas, unha visión androcentrista da historia” que permanece aberta no baixo da Biblioteca ata finais de mes, e que se pode ollear de luns a venres de 10 a 13 e de 17 a 20 horas, e os sábados no mesmo horario de mañá. Esta mostra recolle o traballo dun equipo de investigación da Facultade de Humanidades da Universidade da Coruña, e da artista Dulce Anca.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal