Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PAZO ACOLLERÁ A VINDEIRA SEMANA UNHA "XORNADA PARA O DESENVOLVEMENTO DO PRODUTO TURÍSTICO SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO"
A alcaldesa de Narón e vicepresidenta da Mancomunidade, Marián Ferreiro, será a encargada de presentar o acto, ao que está confirmada a asistencia doutros alcaldes da comarca
Narón, 26 de novembro de 2021. O vindeiro mércores, 1 de decembro, xusto un día despois da festividade do santo, celebrarase de 17.00 a 20.00 horas a “Xornada para o Desenvolvemento do Produto Turístico Santo André de Teixido", no Café Teatro, situado no Pazo da Cultura do Concello de Narón. Trátase un evento organizado pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol en colaboración coa Xunta de Galicia no que se dará conta de diversas accións de valorización executadas nos camiños de peregrinación ao santuario durante os últimos tempos. Á cita asistirán diferentes especialistas que están a traballar actualmente no desenvolvemento dos itinerarios históricos de peregrinación e estarán convidados diferentes axentes do territorio implicados na xestión, así como empresas ligadas aos camiños e o seu trazado. O acto comezará ás 17h coa presentación a cargo da alcaldesa de Narón e vicepresidenta da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, Marián Ferreiro Díaz, e ao mesmo está confirmada a asistencia doutros alcaldes da comarca. Continuarase co primeiro relatorio realizado por Leo González, da empresa Trivium ECT, responsable do deseño do pasaporte a Santo André. A seguinte intervención será de Pablo Conde, de Volta Montana, que dará conta do estado actual dos camiños e falará sobre as necesidades dos usuarios e usuarias. En terceiro lugar Jacobo Suárez, de Goodlife Consultores, referirase á auditoría e sinalización realizadas na ruta coñecida como Camiño Vello. Na última sesión falará Alfonso Blanco, director xeral de Portocabo, produtora de series coma “Hierro” ou “Rapa” –rodada na contorna de Santo André de Teixido, en Cedeira, e noutros concellos da comarca- e longametraxes coma “Cuñados”. A súa participación abordará a cuestión das rodaxes audiovisuais como ferramenta para poñer en valor os territorios. A xornada rematará dunha mesa redonda onde participarán os diferentes relatores e estará aberta á participación do público asistente. O obxectivo é pór sobre a palestra non só aquelas accións realizadas nos últimos tempos sobre os camiños a Santo André de Teixido senón tamén reflectir sobre as posibilidades da posta en valor cultural e turística duns itinerarios que desde hai séculos conducían aos romeiros ata un dos centros de peregrinación máis importantes de Galicia. Un lugar especial arredor do cal se concentra un patrimonio inmaterial de extraordinaria riqueza e diversidade, visible a través de ritos, lendas, cantigas, tradicións e a singular artesanía dos Sanandresiños. A actividade será gratuíta e estará aberta a todas persoas que desexen asistir. Non será precisa inscrición previa, pero as prazas son limitadas ata completar a capacidade do local. Máis información no correo: xornadateixido@gmail.com.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal